1 Abraham era xa vello, entrado en anos; e Iahveh bendicírao en todo. 2 E Abraham dixo ao seu servo, o máis vello da súa casa, que era o mordomo de todo o que posuía: "Prégoche que poñas a túa man baixo a miña coxa 3 e me xures por Iahveh, Deus dos ceos e da terra, que non collerás muller para o meu fillo das fillas dos cananeos cos que habito, 4 senón que irás á miña terra, onda os meus parentes, e collerás alí muller para o meu fillo Isaac. 5 E o criado díxolle: Se a muller non quere seguirme a esta terra, Teño que volver e levar ao teu fillo á terra de onde viñeches? 6 E Abraham respondeulle: "Gárdate de levar alí ao meu fillo" 7 Iahveh, Deus dos ceos, que me tomou da casa do meu pai e da terra onde nacín, e me xurou dicindo: "Aos teus descendentes darei esta terra", mandará ao seu anxo diante de ti, e encontrarás alí a muller para o meu fillo. 8 Se a muller non quere seguirte, quedarás libre deste xuramento; pero non leves ao meu fillo alí. 9 E o criado puxo man debaixo da coxa de Abraham o seu señor, e fixo xuramento. 10 Entón o servo colleu dez camelos dos de seu amo e púxose en camiño con toda clase de bens do seu señor; e foi a Mesopotamia, á cidade de Nacor. 11 E fixo axeonllar aos camelos fóra da cidade, xunto ao pozo de auga, á tardiña, á hora na que as mulleres saen para colleren auga. 12 E dixo: " Iahveh, Deus do meu señor Abraham, prégoche que me deas éxito hoxe, e que teñas misericordia do meu señor Abraham. 13 Velaquí que estou erguido ao pé da fonte de auga, e as fillas dos homes da cidade saen para sacar auga. 14 Sexa pois, que a rapaza á que eu lle diga:" Por favor, baixa o teu cántaro para que eu beba" e que me responda: "Bebe, e tamén darei de beber aos teus camelos" sexa a que ti designaches para o teu servo Isaac; niso saberei que lle mostraches misericordia ao meu amo. 15 E sucedeu que antes de que rematara de falar, velaquí que saiu Rebeca, filla de Betuel, fillo de Milca, muller de Nacor, irmán de Abraham, co cántaro ao ombreiro. 16 A moza era moi fermosa, virxe, ningún home a coñecera; baixou á fonte , encheu o seu cántaro e subiu 17 Entón o criado correu ao se encontro e díxolle: "Rógoche que me deas un pouco de auga do teu cántaro para beber" 18 E ela dixo: "Bebe meu señor." E baixou de seguida o cántaro á súa man e deulle de beber. 19 Cando rematara de lle dar de beber, dixo: "Sacarei tamén auga para os teus camelos, que beban canto queiran." 20 E de contado valeirou o seu cántaro na pía e correu á fonte sacar máis auga para todos os seus camelos. 21 Namentres o home mirábaa calado, para saber si Iahveh dera éxito ou non á súa viaxe.. 22 E cando os camelos remataron de beber, o home colleu un anel de ouro, de medio siclo de peso brazaletes que pesaban dez siclos de ouro.. E dixo: 23 De quen es ti, filla? Hai na casa do teu pai lugar para quedarnos? 24 Ela respondeu: "Son filla de Betuel, o fillo que Milca deu a Nacor. 25 E engadiu: "Temos palla e forraxe abondo, e lugar onde quedar". 26 Entón o home postrouse e adorou a Iahveh. 27 E dixo: "Bendito sexa Iahveh, Deus do meu amo Abraham, que non deixou de mostrar a súa misericordia e a súa fidelidade para o meu señor, e guioume no camiño á casa dos irmáns do meu amo. 28 E a moza correu e contoulle estas cousas aos da casa da súa nai. 29 Rebeca tiña un irmán chamado Labán, que saiu correndo cara o home, onda a fonte. 30 E secedeu que cando el viu o anel e os brazaletes nas mans da súa irmá e oíu as palabras de Rebeca dicindo:"Isto é o que o home me dixo", Labán foi ao home e velaquí que estaba cos camelos ao pé da fonte. 31 E dixo: "Entra bendito de Iahveh. Por que ficas fóra? Eu preparei a casa e un lugar para os camelos". 32 Entón o home entrou na casa, e Labán descargou os camelos e deulles palla e forraxe, e auga para lavar os pés do home e dos seus acompañantes. 33 Pero cando lle servían a comida, o home dixo: "Non comerei mentres non explique o motivo da miña viaxe". 34 E Labán díxolle: "Fala" entón dixo:"Eu son criado de Abraham" 35 E Iahveh ten bendicido tanto ao meu señor, que agora está rico, e deulle ovellas e vacas, prata e ouro, servos e servas, camelos e asnos. 36 Sara, a muller do meu señor, deulle un fillo na súa vellez, e este fillo herda todo. 37 O meu amo fíxome xurar, dicindo: Non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 38 senón que irás á casa do meu pai, á miña parentela, e tomarás de alí muller para meu fillo. 39 E díxenlle ao meu señor: "E sa a muller non quere vir comigo?" 40 E el respondeume:" Iahveh, diante de quen teño andado, enviará seu anxo contigo para dar éxito á túa viaxe e tomarás muller para o meu fillo da miña parentela, da casa do meu pai; 41 entón cando chegues aos meus parentes quedarás libre do meu xuramento, e se eles non cha dan, tamén quedarás ceibe deste xuramento." 42 E hoxe cheguei á fonte e dixen:"Oh, Iahveh, Deus do meu señor Abraham, se agora queres dar éxito á miña viaxe na que ando, 43 velaquí estou erguido ao pé da fonte de auga; que a rapaza que veña sacar auga e eu lle diga: Dáme unha pouca auga do teu cántaro. 44 Se ela me responde: "Bebe ti, e sacarei tamén para os teus camelos, sexa esa a muller que ten escollida Iahveh para o fillo do meu amo." 45 Antes de eu rematar de falar no meu corazón, velaquí, Rebeca saíu co seu cántaro sobre o ombreiro, baixou á fonte e sacou auga, e díxenlle: "Por favor, dame de beber". 46 E ela decontado baixou o cántaro do seu ombreiro e dixo: "Bebe ti, e darei de beber tamén aos teus camelos" 47 Eu pregunteille entón: "¿De quen es filla?" E ela díxome: "De Betuel, fillo de Nacor e Milca." Niso púxenlle o anel no nariz e os brazaletes nos brazos. 48 Despois axeonlleime, adorei a Iahveh e bendicín o Deus do meu amo Abraham, que me guiara polo bo camiño, ata atopar a filla de seu parente para muller do seu fillo 49 Agora pois, se queredes mostrar bondade e sinceridade co meu señor, dicídemo; e se non, dicídemo tamén para que eu vaia á dereita ou á esquerda. 50 Labán e Betuel responderon: "Isto vén de Iahveh; non podemos dicirche que está mal ou está ben". 51 Velaquí tes a Rebeca diante túa; tómaa e vaite e que sexa a muller do fillo do teu amo, conforme dixo Iahveh. 52 E foi que cando o criado de Abraham escoitou as súas palabras, postrouse no chan diante de Iahveh. 53 E o criado sacou obxectos de prata e ouro e vestidos, e deullos a Rebeca; e tamén deu cousas preciosas a seu irmán e a súa nai. 54 Despois el e os seus compañeiros comeron e beberon e pasaron alí a noite. O erguerse pola mañá, dixo o criado de Abraham: ‑"Permitídeme que volva onda o meu amo". 55 Pero o irmán e a nai dela dixeron: "Permite que a rapaza quede connosco uns dez días e despois irá contigo". 56 Pero el dixo: ‑"Non me deteñades pois que Iahveh deu tan boa fin á miña viaxe. Deixádeme ir onda o meu amo". 57 Respondéronlle eles: ‑"Imos chamar a rapaza e preguntarémoslle cales son os seus desexos". 58 Chamaron, pois, a Rebeca e preguntáronlle: ‑"¿Queres ir con este home?" E ela dixo: "Si, irei" 59 Entón despediron a Rebeca coa súa ama de leite e ó criado de Abraham cos seus homes. 60 E bendiciron a Rebeca e dixéronlle: ‑"Que ti, nosa irmá, crezas por milleiros de miríades e que os teus descendentes posúan a porta dos que os odian" 61 Rebeca e as súas servas montaron nos camelos e seguiron ó home. E o criado tomou a Rebeca e púxose ó camiño. 62 Isaac viñera de Beer-lajai-roi, pois habitaba na terra do Neguev 63 A tarde saíu ao campo caviloso. E levantando os ollos, mirou , e velaquí, viñan uns camelos. 64 Rebeca levantou os ollos e cando reparou en Isaac, baixou do camelo 65 e preguntoulle ao criado: ‑"¿Quen é ese home que vén polo campo cara a nós?" O criado respondeulle: ‑"É o meu amo". Ela entón colleu o veo e cubriuse 66 E o servo contou a Isaac todo o que fixera. 67 Entón Isaac levouna á tenda da súa nai Sara, e tomou a Rebeca e ela foi a súa muller, e amouna. Así se consolou Isaac despois da morte da súa nai.