1 E Sara viviu cento vinte e sete anos; estes foron os anos da súa vida. 2 E morreu en Quiriat-arba, que é Hebrón, na terra de Canaán; e Abraham foi facer dó por Sara e a chorar por ela. 3 Despois Abraham ergueuse de diante da defunta e díxolle aos fillos de Het : 4 "Eu son estranxeiro y peregrino entre vós ; dádeme aquí en propiedade unha sepultura para enterrar á miña finada diante de min. 5 E os fillos de Het dixéronlle a Abraham: 6 "Escóitanos noso señor : ti és un príncipe poderoso entre nós. Enterra á túa defunta no mellor dos nosos sepulcros, porque ningún de nós che negará a súa tumba para que enterres á túa defunta. 7 Abraham ergueuse e fixo unha reverencia ante o pobo daquela terra, os fillos de Het, 8 e díxolles: Se estades de acordo en que eu enterre a miña defunta , escoitádeme e valede por min diante de Efrón, fillo de Soar, 9 para que me venda a cova de Macpela que lle pertence, que está na beira do seu campo. Que diante de vós ma dea por un prezo xusto, para sepultura en propiedade. 10 Efrón estaba sentado entre os fillos de Het; e Efrón hitita respondeu a Abraham diante dos fillos de Het e de todos qoe que entraban pola porta da cidade, dicindo: 11 "Non, meu señor. Escoita: douche para ti o campo, e cova que hai nel. Douchos á vista dos fillos do meu pobo. Enterra a túa finada". 12 Entón Abraham prostrouse diante do pobo daquela terra, 13 e díxolle a Efrón a oídos do pobo daquela terra: "Prégoche que me escoites; dareiche o prezo do campo; acéptamo para que poida enterrar alí á miña defunta". 14 Efrón díxolle a Abraham: 15 "Meu señor, escoitame: unha terra que vale catrocentos siclos de prata, que é iso entre ti e máis eu? Enterra pois, a túa morta". 16 E escoitou Abraham a Efrón e pesou a prata da que falara a oídos dos fillos de Het: catrocentos siclos de prata, en moeda corrente. 17 Desa maneira o campo de Efrón, que está en Macpela, fronte a Mamre, o campo e a cova que hai nel, e tódalas árbores do campo dentro dos seus lindeiros foron cedidos 18 a Abraham en propiedade á vista dos fillos de Het, diante de todos os que entraban pola porta da cidade. 19 Despois diso, Abraham enterrou á súa muller Sara na cova do campo de Macpela, fronte a Mamre, isto é Hebrón, na terra de Canaán. 20 E os fillos de Het traspasáronlle a Abraham en propiedade o campo e a cova que hai nel, para unha sepultura