9 10 Chegados ao lugar que Deus lles dixera, Abraham construíu o altar, preparou a leña, atou ao seu fillo Isaac, e deitouno no altar por enriba da leña. Entón Abraham tendeu a man e colleu o coitelo para sacrificar ao seu fillo. 11 Mais o anxo de Iahveh chamouno desde o ceo e dixo: "Abraham, Abraham!" E el respondeu: "Aquí estou". 12 E o anxo dixo: Non estendas a túa man contra o rapaz, nin lle fagas nada, porque agora sei que temes a Deus, pois non me negaches o teu fillo, o teu único. 13 Entón Abraham levantou os ollos e mirou, e velaquí, viu un carneiro detrás del atrapado polos cornos nunha silveira; e Abraham colleu o carneiro e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14 E chamou Abraham co nome de Iahveh proverá. Por iso, aínda hoxe se di: "No monte Iahveh proverá" 15 E o anxo de Iahveh chamou a Abraham dende o ceo por segunda vez 16 e dixo:" Por min mesmo xurei, di Iahveh, que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o teu único, 17 bendicireite e multiplicatei a túa descendencia coma as estrelas do ceo e coma a area da beira do mar, e a túa descendencia posuirá a porta dos seus inimigos". 18 "E na túa descendencia serán bendicidas todas as nacións da terra por me teres ti obedecido". 19 Abraham volveu onda os seus criados e todos xuntos foron a Beerseba. E Abraham viviu en Beerseba 20 E aconteceu, despois destas cousas, que lle deron noticia a Abraham dicindo: "Velaquí que Milca tamén deu fillos ao teu irmán Nacor: 21 Uz, o seu primoxénito, Buz, seu irmán, e Kemuel, pai de Aram, 22 Quesed, Hazo, Pildas Jidlaf e Betuel." 23 E Betuel xerou a Rebeca. Estes oito fillos deulle Milca a Nacor, irmán de Abraham. 24 Tamén a súa concubina, chamada Reúma, deulle a Teba, a Gaham, a Tahas e a Maaca.