Capítulo 9

1 E beiceu Deus a Noé e a seus fillos, e díxolles: "Sede fecundos e multiplicádevos, e enchede a terra. 2 E o temor e o terror voso estarán sobre todos os animais da terra, e sobre aves do ceo, e en todo o que se arrastra sobre o chan, e en todos os peixes do mar; entrégansevos na vosa man. 3 Todo o que se move e ten vida seravos para alimento: todo volo dou coma dei a herba verde. 4 Pero carne coa súa vida, é dicir, co seu sangue, non comades. 5 E certamente pedirei conta do sangue das vosas vidas; de todo animal demandareina. E de todo home demandarei a vida do home. 6 O que derrame sangue de home, polo home o seu sangue será derramado, porque a imaxe de Deus fixo El o home. 7 En canto a vós, sede fecundos e multiplicádevos; poboade a terra dabondo e multiplicádevos nela". 8 Entón falou Deus a Noé e a seus fillos que estaban con el, dicindo: 9 "Velaí, Eu establezo o meu pacto convosco, e coa vosa descendencia, despois de vós. 10 E con todo ser vivente que está convosco: aves, gandos e todos os animais da terra que están convosco; todos os que saíron da arca, todos os animais da terra. 11 Eu establezo o meu pacto convosco, e nunca máis volverase exterminar toda carne polas augas do diluvio, nin haberá máis diluvio para destruír a terra". 12 E dixo Deus: "Este é o sinal do pacto que fago entre min e vós e todo ser vivente que está convosco, por todas as xeracións: 13 Poño o meu arco nas nubes e será por sinal do pacto entre min e a terra. 14 E acontecerá que cando faga vir nubes sobre a terra, verase o arco nas nubes, 15 e lembrareime do meu pacto que hai entre min e vós e en todo ser vivente de toda carne; e nunca máis se converterán as augas en diluvio para destruír toda carne. 16 Cando o arco estea nas nubes, ollareino para me lembrar do pacto eterno entre Deus e todo ser vivente de toda carne que está sobre a terra". 17 E dixo Deus a Noé: "Este é o sinal do pacto que establecín entre min e toda carne que está sobre a terra". 18 E os fillos de Noé que saíron da arca foron Sem, Cam e Xafet; e Cam foi o pai de Canaán. 19 Estes tres foron os fillos de Noé, e deles poboouse toda a terra. 20 Entón Noé comezou a labrar a terra, e plantou unha viña. 21 E bebeu o viño e emborrachouse, e espiuse no medio da súa tenda. 22 E Cam, pai de Canaán, viu a nudez de seu pai, e contóullelo a seus irmáns que estaban fóra. 23 Entón Sem e Xafet, colleron un manto, puxérono sobre as súas ombreiras, e camiñando cara atrás cubriron a nudez do seu pai; e os seus rostros estaban voltos, e non viron a nudez do seu pai. 24 Cando Noé acordou da súa borracheira, e soubo o que fixera o seu fillo menor, 25 dixo: "Maldito sexa Canaán; servo de servos será para seus irmáns". 26 Dixo tamén: "Bendito sexa Iahveh, o Deus de Sem; e sexa Canaán o seu servo. 27 Engrandeza Deus a Xafet, e viva nas tendas de Sem; e sexa Canaán o seu servo". 28 29 E viviu Noé trescentos cincuenta anos despois do diluvio. O total dos días de Noé foi de novecentos cincuenta anos, e morreu.