1
E lembrouse Deus de Noé e de todas as bestas e de todo o gando que estaban con el na arca; e Deus fixo soprar un vento sobre a terra, e decreceron as augas.
2
E fecháronse as fontes do abismo e as comportas do ceo, e detívose a chuvia do ceo.
3
As augas baixaron gradualmente de sobre a terra, e ao cabo de cincuenta días, as augas decreceran.
4
E no mes sétimo, o día dezasete do mes, a arca descansou sobre os montes de Ararat.
5
As augas foron decrecendo paulatinamente deica o mes décimo; e o primeiro do mes décimo, víronse os cumios dos montes.
6
E aconteceu que ao cabo de corenta días, Noé abriu a fiestra da arca que el fixera,
7
e mandou*(nalgunhas versións aparece o verbo soltar para o corvo e enviar-mandar de sí para a pomba) un corvo, que estivo a ir e vir ata que secaron as augas sobre a terra.
8
Despois mandou unha pomba para ver se as augas dimunuíran sobre a superficie da terra.
9
Pero a pomba non atopou lugar onde se pousar, de xeito que volveu a el, á arca, porque as augas estaban sobre a superficie de toda a terra. Entón estendeu a súa man, tomouna e meteuna consigo na arca.
10
Agardou aínda outros sete días, e volveu mandar a pomba dende a arca.
11
E contra a tardiña a pomba regresou a el, e velaí, no seu pico traía unha folla de oliveira acabada de arrincar. Entón Noé comprendeu que as augas diminuíran sobre a terra.
12
Agardou aínda outros sete días, e mandou a pomba, pero xa non volveu a el.
13
E aconteceu que no ano seiscentos un de Noé, no mes primeiro, o día primeiro do mes, secáronse as augas sobre a terra. Entón Noé tirou a cuberta da arca e ollou, e velaí, estaba enxoita a superficie da terra.
14
E no mes segundo, o vinte e sete do mes, estaba enxoita a terra.
15
Entón falou Deus a Noé, dicindo:
16
"Sae da arca ti, e contigo a túa muller, os teus fillos e as mulleres dos teus fillos.
17
Saca contigo todo ser vivente de toda carne que está contigo: aves, gando e todo réptil que se arrastra sobre a terra, para que se reproduzan dabondo sobre a terra, e sexan fecundos e se multipliquen sobre a terra".
18
Saíu, pois, Noé, e con el os seus fillos e a súa muller e as mulleres dos seus fillos.
19
E todas as bestas, todos os réptiles, todas as aves e todo o que se move sobre a terra, saíron da arca segundo as súas familias.
20
E edificou Noé un altar a Iahveh, e tomou de todo animal limpo e de toda ave limpa, e ofreceu holocaustos no altar.
21
E Iahveh percibiu o recendo agradable, e dixo Iahveh para si: "Nunca máis volverei maldicir a terra por causa do home, porque a intención do corazón do home é mala dende a súa xuventude; nunca máis volverei destruír todo ser vivente como fixen.
22
Mentres a terra permaneza, a sementeira e a sega, o frío e a calor, o verán e o inverno, o día e a noite, nunca cesarán".