Capítulo 7

1 Entón Iahveh díxolle a Noé: "Entra na arca ti e todos os da túa casa; porque vin que só ti es xusto diante de min nesta xeración. 2 De todo animal limpo tomarás contigo sete parellas, o macho e a súa femia; e de todo animal que non é limpo, dous, o macho e a súa femia; 3 tamén das aves do ceo, sete parellas, macho e femia, para conservar viva a especie sobre a face da terra. 4 Porque dentro de sete días farei chover sobre a terra corenta días e corenta noites, e borrarei da face da terra a todo ser vivente que creei". 5 E Noé fixo conforme a todo o que Iahveh lle mandara. 6 Noé tiña seiscentos anos cando o diluvio veu sobre a terra. 7 Entón entrou Noé na arca, e con el os seus fillos, a súa muller e as mulleres dos seus fillos, a causa das augas do diluvio. 8 Dos animais limpos e dos que non son limpos, das aves e de todo ser que se arrastra sobre a terra, 9 de dous en dous entraron con Noé na arca, macho e femia, coma Deus ordenara a Noé. 10 E aconteceu que aos sete días as augas do diluvio viñeron sobre a terra. 11 O ano seiscentos da vida de Noé, o mes segundo, aos dezasete días do mes, nese mesmo día rompéronse todas as fontes do grande abismo, e as comportas do ceo foron abertas. 12 E caeu a chuvia sobre a terra por corenta días e corenta noites. 13 Nese mesmo día entrou Noé na arca, con Sem, Cam e Xafet, fillos de Noé, e a muller de Noé e as tres mulleres dos seus fillos con eles, 14 e toda fera segundo a súa especie, e todo réptil que se arrastra sobre a terra segundo a súa especie, e toda ave segundo a súa especie, toda clase de aves. 15 Entraron, pois, con Noé na arca de dous en dous de toda carne na que había alento de vida. 16 E os que entraron, macho e femia de toda carne, entraron coma Deus lle mandara; e Iahveh fechou a porta detrás de Noé. 17 Entón veu o diluvio sobre a terra por corenta días, e as augas medraron a elzaron a arca, e esta elevouse sobre a terra. 18 E as augas aumentaron e medraron moito sobre a terra; e a arca aboiaba sobre a superficie das augas. 19 E as augas aumentaron máis e máis sobre a terra, e foron cubertos todos os altos montes que hai debaixo dos ceos. 20 Quince cóbados por enriba subiron as augas despois de que se cubriran os montes. 21 E pereceu toda carne que se ove sobre a terra: aves, gandos, bestas, e todo o que pulula sobre a terra, e todo ser humano; 22 todo aquilo en cuxo nariz había alento de espírito de vida, todo o que había sobre a terra firme, morreu. 23 Exterminou, pois, Iahveh todo ser vivente que había sobre a face da terra; dende o home ata os gandos, os réptiles e as aves do ceo, foron exterminados da terra; só ficou Noé e os que estaban con el na arca. 24 E prevaleceron as augas sobre a terra cento cincuenta días.