1
E o home coñeceu a Eva, a súa muller, e ela concibiu e deu a luz a Caín e dixo:
-Adquirín un varón coa axuda de Iahveh.
2
Despois deu a luz ao seu irmán Abel. E Abel foi ovelleiro e Caín foi labrego.
3
E aconteceu que co transcorrer do tempo, Caín trouxo a Iahveh unha ofrenda do froito da terra.
4
Tamén Abel, pola súa banda, trouxo dos primoxénitos das súas ovellas e da graxa dos mesmos. E Iahveh mirou con agrado a Abel e á súa ofrenda,
5
pero a Caín coa súa ofrenda non mirou con agrado. E Caín alporizouse moito e mudoulle a cara.
6
Entón Iahveh díxolle a Caín:
-Por que estás alporizado, e por que che cambiou a cara?
7
Se fas ben, non serás aceptado? E se non fas ben, o pecado axexa na porta e cobízate, pero ti debes dominalo.
8
E Caín díxolle ao seu irmán Abel:
-Vaiamos ao monte.
E aconteceu que cando estaban no monte, Caín ergueuse contra o seu irmán e matouno.
9
Entón Iahveh díxolle a Caín:
-U-lo teu irmán Abel?
E el respondeulle:
-Non o sei, son eu por un acaso o gardián do meu irmán?
10
E El díxolle:
-Que fixeches? A voz do sangue de teu irmán bérrame dende a terra.
11
Agora pois, maldito es da terra, que abriu a súa boca para recibir da túa man o sangue de teu irmán.
12
Cando labres o chan, non che dará máis o seu rixo; vagabundo e itinerante serás na terra.
13
E Caín díxolle a Iahveh:
-O meu castigo é demasiado grande para o soportar.
14
Velaí, arroxáchesme hoxe da face da terra, e da túa presenza escondereime, e serei vagabundo e itinerante na terra; e sucederá que calquera que me atope hame matar.
15
Entón Iahveh díxolle:
-Non será así; pois calquera que mate a Caín, sete veces sufrirá vinganza.
E puxo Iahveh un sinal sobre Caín, para que calquera que o atopase non o matase.
16
E saíu Caín da presenza de Iahveh e estableceuse na terra de Nod, ao oriente do Edén.
17
E coñeceu Caín a súa muller, e ela concibiu e deu a luz a Enoc; e edificou unha cidade e chamouna Enoc, coma o nome do seu fillo.
18
A Enoc naceulle Irad, Irad xerou a Mehuxael, Mehuxael xerou a Metusael, e Metusael xerou a Lamec.
19
Lamec tomou para si dúas mulleres; o nome dunha era Ada, e o nome da outra era Zila.
20
E Ada deu a luz a Iabal, o cal foi pai dos que habitan en tendas e teñen gando.
21
O seu irmán chamábase Iubal, o cal foi pai de todos os que tocan a lira e a frauta.
22
E Zila á súa vez deu a luz a Tubal-caín, forxador de todo utensilio de bronce e ferro; e a irmá de Tubal-caín era Naama.
23
E Lamec díxolles a súas mulleres:
-Ada e Zila, ouvide a miña voz; mulleres de LAmec, prestade ouvido ás miñas palabras, pois dei morte a un home por me ferir, e a un mozo por me pegar .
24
Se sete veces vínganse a Caín, entón Lamec vingarase setenta veces sete.
25
E coñeceu Adam outra vez a súa muller; e ela deu a luz un fillo e púxolle por nome Set, porque, dixo ela: Deus deume outro fillo no lugar de Abel, pois caín matouno.
26
A Set naceulle tamén un fillo e púxolle por nome Enós. Por este tempo comezaron os homes invocaren o nome de Iahveh.