1
E a serpe era máis astuta que calquera dos animais do monte que Iahveh Deus fixera. E díxolle á muller:
-Conque Deus vos dixo: "Non comades de ningunha árbore do horto?"
2
E a muller respondeulle á serpe:
-Do froito das árbores do horto podemos comer;
3
pero do froito da árbore que está no medio do horto, dixo Deus: "Non comades del, nin o toquedes, para que non morrades".
4
E a serpe dixo á muller:
-De certo que non morreredes.
5
Pois Deus sabe que o día que del comades abriránsevos os ollos e seredes coma Deus, coñecendo o ben e o mal.
6
Cando a muller viu que a árbore era boa para comer, e que era agradable aos ollos, e que a árbore era desexable para alcanzar sabedoría, tomou do seu froito e comeu; e deulle tamén ao seu home que estaba con ela, e el comeu.
7
Entón abríronselles os ollos a ámbolos dous, e coñeceron que estaban nus; e coseron follas de figueira e cinguíronse con elas.
8
E ouviron a Iahveh Deus que se paseaba polo horto ao fresco do día; e o home e a súa muller escondéronse da presenza de Iahveh Deus entre as árbores do horto.
9
E Iahveh Deus chamou o home e díxolle:
-Onde estás?
10
E el respondeulle:
-Ouvinte no horto, e tiven medo porque estaba nu, e escondinme.
11
E Deus díxolle:
-Quen che fixo saber que estabas nu? Comiches da árbore da que che mandei que non comeses?
12
E o home respondeulle:
-A muller que ti me deches por compañeira deume da árbore, e eu comín.
13
Entón Iahveh Deus díxolle á muller:
-Que é isto que fixeches?
E a muller respondeulle:
-A serpe enganoume, e eu comín.
14
E Iahveh Deus díxolle á serpe:
-Por canto fixeches isto, maldita serás máis ca todos os animais e máis ca todas as bestas do monte; sobre o teu ventre andarás e po comerás todos os días da túa vida.
15
E porei inimizade entre ti e a muller, e entre a túa semente e a súa semente; el ferirate na cabeza e ti feriralo no talón.
16
Á muller díxolle:
-En grande maneira multiplicarei a túa dor no parto, con dor darás a luz os fillos; e con todo, desexarás o teu home pero el terá dominio sobre ti.
17
Entón díxolle a Adam:
-Por canto escoitaches a voz da túa muller e comiches da árbore da que che ordenei, dicindo: "Non comas dela", maldita será a terra pola túa causa; con traballo comerás dela todos os días da túa vida.
18
Silvas e toxos producirache, e comerás das plantas do campo.
19
Coa suor do teu rostro comerás o pan, até que volvas á terra, porque dela fuches tomado; pois po es, e ao po volverás.
20
E o home púxolle por nome Eva á súa muller, porque ela era a nai de todos os viventes.
21
E Iahveh Deus fíxolles vestiduras de pel para Adam e a súa muller, e vestiunos.
22
Entón Iahveh Deus dixo:
-Velaí, o home veu ser coma un de nós, coñecendo o ben e o mal; coidado agora non vaia estarricar a súa man e tomar tamén da árbore da vida, e coma e viva para sempre.
23
E Iahveh Deus botouno do horto do Edén, para que labrase a terra da cal foi tmado.
24
Expulsou pois o home; e o oriente do Edén puxo querubíns e unha espada acesa que viraba en todas as direccións, para gardar o camiño da árbore da vida.