1
Ao pasar Xesús, viu a un home que nacera cego.
2
Os seus discípulos preguntáronlle, dicindo: -Rabí, quen pecou, este ou os seus pais, para que nacese cego?
3
Xesús respondeu: -Nin este pecou nin os seus pais; senón que está cego para que as obras de Deus se manifesten nel.
4
Nós debemos facer as obras do que me mandou, mentres é de día; porque vén a noite cando ninguén pode traballar.
5
Mentres estou no mundo, Eu son a luz do mundo.
6
Logo de dicir isto, cuspiu en terra e fixo lama co cuspe e untoulle os ollos coa lama,
7
e díxolle: -Vaite lavar no tanque de Siloé (que significa, enviado). El foi e lavouse, e volveu vendo.
8
Entón os veciños e os que antes viran que era un mendigo, dicían: Non era este o que se sentaba e mendigaba?
9
Uns dicían: -El é; e outros dicían: non, pero parécese a el. El dicía: -Son eu.
10
Entón dicíanlle: -Como che foron abertos os ollos?
11
El respondeu: -O home que se chama Xesús fixo lama, untouna nos meus ollos e díxome: -Vai ao Siloé e lávate. Así fun, laveime e recibín a vista.
12
E dixéronlle: -Onde está el? El dixo: -Non o sei.
13
Levaron ante os fariseos o que fora cego.
14
E era día de repouso o día en que Xesús fixo a lama e lle abriu os ollos.
15
Entón os fariseos volvéronlle preguntar como recibira a vista. El díxolles: -Púxome lama nos ollos, laveime e vexo.
16
Por iso algúns dos fariseos dicían: -Este home non vén de Deus porque non garda o día de repouso. Pero outros dicían: -Como pode un home pecador facer estes sinais? E había división entre eles.
17
Entón dixeron outra vez ao cego: -Que dis ti del, pois abriuche os ollos? El dixo: -É un profeta.
18
Entón os xudeus non creron que fora cego, e que recibira a vista, ata que chamaron os pais do que recibira a vista.
19
E preguntáronlle dicindo: -É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Como é que agora ve?
20
Os seus pais respondéronlles e dixeron: -Sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego;
21
pero como é que agora ve, non o sabemos; ou quen lle abriu os ollos, non o sabemos. Preguntádelle a el; idade ten dabondo e falará por si mesmo.
22
Os seus pais dixeron isto porque tiñan medo dos xudeus, porque os xudeus xa acordaran que se algún confesaba que Xesús era o Mesías, fose expulsado da sinagoga.
23
Por iso os pais dixeron: idade ten, preguntádelle a el.
24
Por segunda vez chamaron polo home que fora cego e dixéronlle: -Dá gloria a Deus; nós sabemos que este home é un pecador.
25
Entón el contestoulles: -Se é pecador, non o sei; unha cousa sei: que eu era cego e agora vexo.
26
Dixéronlle: -Que che fixo? Como che abriu os ollos?
27
El contestoulles: -Xa volo dixen e non escoitastes. Por que queredes ouvilo outra vez? É que tamén vós queredes ser dos seus discípulos?
28
Entón insultárono, e dixéronlle: -Ti es o seu discípulo, pero nós somos discípulos de Moisés!
29
Nós sabemos que Deus lle falou a Moisés, pero este, non sabemos de onde é.
30
Respondeu o home e díxolles: -Pois nisto hai algo portentoso: que vós non saibades de onde é, a min abriume os ollos.
31
Sabemos que Deus non escoita os pecadores; pero se alguén teme a Deus e fai a súa vontade, a este escoita.
32
Nunca se oira dicir que alguén abrise os ollos a un cego de nacemento.
33
Se este non viñese de Deus, nada podería facer.
34
Respondendo eles dixéronlle: -Naciches ti enteiriño en pecados, e vés a ensinarnos a nós? E botárono fóra.
35
Escoitou Xesús que o botaran fóra, e atopándoo, díxolle: -Cres ti no Fillo do Home?
36
Respondeulle e dixo: -E quen é, Señor, para que eu crea nel?
37
Díxolle Xesús: -Pois ti víchelo, e o que está a falar contigo, ese é.
38
Entón el dixo: -Creo, Señor. E adorouno.
39
E dixo Xesús: -Eu vin a este mundo para xuízo, para que os que non ven, vexan, e para que os que ven, sexan cegados.
40
Algúns dos fariseos que estaban con El escoitaron isto e dixéronlle: -E logo, nós tamén somos cegos?
41
Díxolles Xesús: -Se fósedes cegos non teriades pecado; pero porque dicides "vemos", o voso pecado permanece.