1
Pero Xesús foi ao Monte das Oliveiras.
2
E ao amencer veu outra vez ao templo, e todo o pobo viña a El; e sentándose ensináballes.
3
Os escribas e os fariseos trouxeron unha muller sorprendida en adulterio,
4
e poñéndoa no medio, dixéronlle: -Mestre, esta muller foi sorprendida no mesmo acto do adulterio.
5
E na lei, Moisés ordenounos apedrar a esta clase de mulleres; ti que dis?
6
Dicían isto para ter de que o acusar. Pero Xesús inclinouse e escribía co seu dedo na terra.
7
Pero como insistían en lle preguntar, Xesús endereitouse e díxolles: -O que de vós estea sen pecado, sexa o primeiro en lle lanzar unha pedra.
8
E inclinándose de novo escribía en terra.
9
Eles ao escoitar isto, foron marchando un a un, comezando polos de maior idade, e deixando só a Xesús e á muller que estaba no medio.
10
Endereitándose díxolle Xesús: -Muller, onde están eles? Ningún te condenou?
11
Ela respondeu: -Ningún, Señor. Díxolle Xesús: -Eu tampouco te condeno. Vaite; e dende agora non peques máis.
12
Xesús faloulles outra vez dicindo: -Eu son a luz do mundo; o que me segue non andará en tebras, senón que terá a luz da vida.
13
Entón os fariseos dixéronlle: -Ti testemuñas de ti mesmo; o teu testemuño non é verdadeiro.
14
Respondeu Xesús e díxolles: -Aínda que dou testemuño de min mesmo o meu testemuño é verdadeiro, porque Eu sei de onde vin e a onde vou; pero vós non sabedes de onde veño nin para onde vou.
15
Vós xulgades segundo a carne; Eu non xulgo a ninguén.
16
Pero se Eu xulgo, o meu xuízo é verdadeiro, porque non son Eu só, senón Eu e o Pai que me mandou.
17
E na vosa lei está escrito que o testemuño de dúas persoas é verdadeiro.
18
Eu son o que dá testemuño de min mesmo, e o Pai que me mandou testemuña de min.
19
Entón dicíanlle: -Onde está o teu Pai? Xesús respondeu: -Non me coñecedes nin a min, nin o meu Pai. Se me coñecerades a min, tamén coñeceriades o meu Pai.
20
Estas palabras pronunciounas no lugar do tesouro, cando ensinaba no templo; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.
21
Entón díxolles de novo: -Eu voume, e buscarédesme, e morreredes no voso pecado; porque para onde Eu vou, vós non podedes vir.
22
Por iso os xudeus dicían: será que se vai quitar a vida, pois di: onde Eu vou, vós non podedes vir?
23
E Xesús dicíalles: -Vós sodes de baixo, Eu son de riba; vós sodes deste mundo, Eu non son deste mundo.
24
Por iso vos dixen que morreredes nos vosos pecados; porque se non credes que Eu Son, morreredes nos vosos pecados.
25
Entón dicíanlle: -Ti quen es? Xesús díxolles: -Que vos estiven dicindo dende o principio?
26
Teño moito que dicir e xulgar de vós, pero o que me mandou é verdadeiro; e Eu, as cousas que escoitei del, esas son as que lles falo ao mundo.
27
(Non comprenderon que lles falaba do Pai).
28
Por iso Xesús dixo: -Cando levantedes o Fillo do Home, entón saberedes que Eu Son e que non fago nada pola miña conta, senón que falo estas cousas, como o Pai me ensinou.
29
E o que me mandou está comigo; non me deixou só, porque Eu sempre fago o que lle agrada.
30
Ao falar estas cousas, moitos creron nel.
31
Entón dicía Xesús aos xudeus que creran nel: -Se vós permanecedes na miña palabra, en verdade sodes os meus discípulos;
32
e coñeceredes a verdade, e a verdade libertaravos.
33
Eles contestáronlle: -Somos descendentes de Abraham e nunca fomos escravos de ninguén. Como dis ti: seredes libres?
34
Respondeulles Xesús: -En verdade, en verdade vos digo que todo o que comete pecado é escravo do pecado,
35
e o escravo non fica na casa para sempre.
36
Por tanto, se o Fillo vos fai libres, seredes verdadeiramente libres.
37
Xa sei que sodes descendentes de Abraham, porén procurades matarme porque a miña palabra non pode morar en vós.
38
Eu falo do que vin estando co meu Pai, vós facedes tamén o que escoitastes do voso pai.
39
Eles contestáronlle e dixéronlle: -Abraham é o noso pai. Xesús díxolles: -Se fósedes fillos de Abraham, fariades as obras de Abraham.
40
Pero agora procurades matarme, a min que vos dixen a verdade que escoitei de Deus. Abraham non fixo isto.
41
Vós facedes as obras do voso pai. Eles dixéronlle: -Nós non nacemos de fornicación; temos un só Pai que é Deus.
42
Xesús díxolles: -Se Deus fose o voso Pai, amaríadesme, porque Eu saín de Deus e vin del, pois non vin pola miña conta, senón que El me mandou.
43
Por que non entendedes o que digo? Porque non podedes escoitar a miña palabra.
44
Sodes do voso pai o demo e queredes facer o que o voso pai desexa. El dende o comezo foi un homicida, e non permaneceu na verdade porque non hai verdade nel. Cando fala mentira, fala da súa propia natureza, porque é mentireiro e pai da mentira.
45
Pero porque Eu digo a verdade, non credes en min.
46
Quen de vós proba en min que teño pecado? E se digo a verdade, porque vós non credes en min?
47
O que é de Deus escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.
48
Contestaron os xudeus e dixéronlle: -Non dicimos con razón que ti es samaritano e tes un demo?
49
Xesús respondeu: -Eu non teño demo ningún, senón que honro o meu Pai, e vós deshonrádesme a min.
50
Pero Eu non busco a miña gloria; hai un que a busca e xulga.
51
Con toda verdade volo aseguro, que se algún garda a miña palabra, xamais probará a morte.
52
Os xudeus dixéronlle: -Agora estamos certos en que tes un demo. Abraham morreu, e tamén os profetas, e ti dis: se algún garda a miña palabra non morrerá eternamente.
53
Acaso es ti maior que o noso pai Abraham que morreu? Os profetas tamén morreron; quen cres que es?
54
Xesús respondeu: -Se Eu me glorifico a min mesmo, a miña gloria non é nada; o meu Pai é o que me glorifica, aquel de quen vós dicides: El é o noso Deus.
55
E vós non o coñecestes, pero Eu coñézoo; e se digo que non o coñezo serei un mentireiro como vós; pero Eu coñézoo e gardo a súa palabra.
56
O voso pai Abraham, encheuse de alegría agardando ver o meu día; e viuno e alegrouse.
57
Entón os xudeus dixéronlle: -Aínda non tes cincuenta anos, e xa viches a Abraham?
58
Xesús díxolles: -Con toda verdade volo aseguro: antes que nacese Abraham, Eu Son.
59
Entón colleron pedras para llas lanzar, pero Xesús escondeuse e saíu do templo.