Capítulo 7

1 Despois disto Xesús andaba por Galilea; e non quería andar por Xudea, porque os xudeus procuraban matalo. 2 E a festa dos xudeus, a dos Tabernáculos, estaba próxima. 3 Por iso dixéronlle os seus irmáns: -Deixa isto e vaite a Xudea para que os teus dicípulos vexan tamén as obras que ti fas. 4 Porque ninguén fai nada ás agachadas cando procura ser coñecido en público. Se fas estas cousas, móstrate ao mundo. 5 Porque nin os seus irmáns crían nel. 6 Entón Xesús díxolles:-O meu tempo aínda non chegou, pero o voso tempo sempre é oportuno. 7 O mundo non pode odiarvos, pero ódiame a min, porque Eu dou testemuño del, que as súas obras son malas. 8 Subide vós á festa; Eu non subo a esta festa porque o meu tempo non está cumprido. 9 E logo de dicirlles isto, ficou en Galilea. 10 Pero cando os seus irmáns subiron á festa, entón el tamén subiu; non abertamente senón ás agachadas. 11 Os xudeus andaban á procura del na festa e dicían: -Onde se meteu ese? 12 E había moita murmuración entre a xente acerca del. Uns dicían: El é bo. Outros dicían: non, todo o contrario, engana as persoas. 13 Porén, ninguén falaba abertamente del por medo aos xudeus. 14 Pero xa na metade da festa, Xesús subiu ao templo e comezou a ensinar. 15 Entón os xudeus admirábanse del dicindo: -Como pode este saber de letras sen ter estudado? 16 Entón Xesús respondeulles dicindo: -O meu ensino non é meu senón daquel que me mandou. 17 Se alguén quere facer a súa vontade, saberá se a miña ensinanza é de Deus ou se falo de min mesmo. 18 O que fala de si mesmo procura a súa propia gloria; mais o que procura a gloria de quen o mandou, este é verdadeiro e non hai inxustiza nel. 19 Non vos deu Moisés a lei, e porén ninguén de vós a cumpre? Por que estades á procura de me matar? 20 A multitude contestou:-Tes un demo! Quen te procura matar? 21 Respondeu Xesús e díxolles: -Só fixen unha obra e todos vos admirades. 22 Moisés deuvos a circuncisión (non porque sexa de Moisés senón dos pais) e no día de repouso circuncidades o home. 23 E se para non quebrantar a lei de Moisés circuncidades un home no día de repouso, por que vos incomodades comigo porque sanei por completo a un home no día de repouso? 24 Non xulguedes polo que se ve, senón xulgade con xuízo xusto. 25 Entón algúns de Xerusalém dicían: -Non é este o que procuran matar? 26 E aí o tedes, fala en público e non lle din nada. Non será que en verdade os gobernantes recoñecen que este é o Mesías? 27 Porque, nós sabemos de onde é este; pero cando veña o Mesías, ninguén saberá de onde é. 28 Xesús exclamou en alta voz mentres ensinaba no templo: -Vós coñecédesme e sabedes de onde son. Eu non vin pola miña conta, pero o que me mandou é verdadeiro, a quen vós non coñecedes. 29 Eu coñézoo porque del procedo, e El me mandou. 30 Procuraban pois, prendelo; pero ninguén lle botou man, porque aínda non chegara a súa hora. 31 Pero moitos da multitude creron nel, e dicían: cando veña o Mesías, fará máis sinais dos que ten feito este? 32 Os fariseos escoitaron a multitude murmurando estas cousas del, e os principais sacerdotes e fariseos mandaron alguacís para prendelo. 33 Entón dixo Xesús: -Por un pouco máis de tempo estou convosco; despois vou ao que me mandou. 34 Buscarédesme e non me habedes atopar, e onde Eu estou vós non podedes vir. 35 Dicían entón os xudeus entre si: -Onde pensa ir este, que non o atopemos? Será que quere ir aos dispersos entre os gregos e ensinar aos gregos? 36 Que quere dicir isto que dixo: buscarédesme e non me habedes atopar, e onde Eu estou vós non podedes vir? 37 E no último día, o grande da festa, Xesús púxose en pé e dixo en voz alta: -Se algún ten sede, que veña a min e beba. 38 O que cre en min, como di a Escritura: "Do máis profundo do seu ser, abrollarán ríos de auga viva". 39 (Pero El dicía isto do Espírito que habían de recibir os que creran nel; porque o Espírito, aínda non fora dado, pois Xesús non fora glorificado). 40 Entón algúns da multitude, cando escoitaron estas palabras, dicían: Verdadeiramente este é o Profeta! 41 Outros dicían: Este é o Mesías. Pero outros dicían: acaso o Mesías ha vir de Galilea? 42 Non di a Escritura que o Mesías vén da descendencia de David, e de Belén, a aldea de onde era David? 43 Así se creou división entre a multitude por causa del. 44 E moitos deles querían prendelo, pero ninguén lle botaba a man. 45 Entón os alguacís foron cara os principais sacerdotes e fariseos e dixéronlles estes: -Por que non o trouxestes? 46 Os alguacís responderon: -Endexamais ningún home ten falado como este home fala. 47 Entón contestáronlle os fariseos: -É que vós tamén vos deixastes enganar? 48 Ten crido nel algún dos gobernantes ou dos fariseos? 49 Pero esta multitude que non coñece a lei, é maldita. 50 Nicodemo, o que viñera a Xesús antes, e que era un deles, díxolles: 51 -Dende cando xulga a nosa lei a un home sen escoitalo primeiro, e saber o que fai? 52 Respondendo dixéronlle: -Es ti tamén de Galilea? Investiga e verás que ningún profeta xurde de Galilea. 53 E fóronse cada un para a súa casa.