1
Despois disto Xesús foi cara a outra beira do mar de Galilea, que é o de Tiberíades.
2
E seguíao unha grande multitude de xente, porque vían os sinais que facía nos doentes.
3
Entón Xesús subiu ao monte e sentou alí co seus discípulos.
4
E a Pascua, a festa dos xudeus, estaba próxima.
5
Cando Xesús levantou os ollos e viu que viñera a el unha grande multitude, dixo a Filipe: -Onde mercaremos pan para que estes coman?
6
Pero dicía isto para probalo, pois El ben sabía que facer.
7
Filipe respondeulle: -Douscentos denarios de pan non abondarían para que cada un deles comese un pouco.
8
Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
9
-Está aquí este meniño, que ten cinco pans de cebada e dous peixes pequenos; pero que é isto para tantos?
10
E dixo Xesús: -Facede que as persoas se recosten. E había moita herba naquel lugar, e sentáronse uns cinco mil varóns.
11
Logo colleu Xesús os pans, e despois de dar grazas, repartiunos entre os discípulos, e os discípulos entre os que estaban recostados; tamén dos peixes, canto querían.
12
E cando se fartaron, dixo aos seus discípulos: -Recollede os anacos que sobraron, para que nada se perda.
13
Recolleron, pois, e encheron doce cestas de anacos dos cinco pans de cebada, que lles sobraran aos que comeran.
14
Entón, vendo o sinal que Xesús fixera, aquela xente dixo: -Este é, de certo, o profeta que había de vir ao mundo.
15
Pero sabendo Xesús que o ían coller para facelo rei, volveuse retirar só ao monte.
16
Pola tardiña, os seus discípulos baixaron cara o mar,
17
e entrando nunha dorna, ían cruzando o mar cara Cafarnaúm. Xa era escuro e Xesús non fora con eles.
18
E o mar estaba axitado porque sopraba un grande vento.
19
Cando xa tiñan navegado como vintecinco ou trinta estadios, viron a Xesús camiñando sobre o mar e achegándose á dorna; e tiveron medo.
20
Pero El díxolles: -Eu son; non temades.
21
Entón eles recibírono con agrado na dorna, que chegou deseguida á terra onde ían.
22
Ao día seguinte, a multitude que ficara ao outro lado do mar decatouse de que alí non había nada máis ca unha dorna, e que Xesús non entrara nela cos seus discípulos, senón que os seus discípulos marcharan sós.
23
Viñeron outras dornas de Tiberias preto do lugar onde comeran o pan logo de que o Señor dera grazas.
24
Por tanto, cando a xente viu que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, subiron ás dornas e marcharon cara a Cafarnaúm á procura de Xesús.
25
Cando o toparon ao outro lado do mar, dixéronlle: -Rabí, cando chegaches aquí?
26
Xesús respondeulles e dixo: -En verdade, vos digo: buscádesme, non polos sinais que vistes, senón porque comestes dos pans e vos fartastes.
27
Traballade, non polo alimento que perece, senón polo alimento que perdura para vida eterna, o que o Fillo do Home vos dará, porque a este, o Pai, Deus, púxolle o seu selo.
28
Entón dixéronlle: -Que debemos facer para pór en práctica as obras de Deus?
29
Respondeu Xesús e díxolles: -Esta é a obra de Deus: que creades no que El mandou.
30
Entón dixéronlle: -Pois que fas ti como sinal para que vexamos e creamos en Ti? Que obra fas?
31
Os nosos pais comeron do maná do deserto, como está escrito:
"Deulles a comer pan do ceo".
32
Entón Xesús díxolles: -En verdade, vos digo: non foi Moisés o que vos deu pan do ceo, senón que é o meu Pai quen vos dá o verdadeiro pan do ceo.
33
Porque o pan de Deus é o que baixa do ceo, e dá vida ao mundo.
34
Entón dixéronlle: -Señor, dános sempre dese pan!
35
Díxolles Xesús: -Eu son o pan de vida; o que vén a min no terá fame, e o que cre en min nunca terá sede.
36
Pero xa volo dixen, que aínda que me vistes, non credes.
37
Todo o que o Pai me dá, virá a min: e o que vén a min, de ningún modo o boto fóra.
38
Porque descendín do ceo, non para facer a miña vontade, senón a vontade do que me mandou.
39
E esta é a vontade do que me mandou: que todo o que El me deu, non perda Eu nada, senón que o resucite no último día.
40
Porque esta é a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve o Fillo e cre nel, teña vida eterna, e Eu mesmo heino resucitar no día final.
41
Por iso os xudeus murmuraban del, porque tiña dito: Eu son o pan que baixou do ceo.
42
E dician: -E non é este Xesús, o fillo de Xosé? Nós coñecémoslle a nai e mais o pai! Como é que agora di: Eu son o que baixou do ceo?
43
Respondeu Xesús e díxolles: -Non murmuredes entre vós.
44
Ninguén pode vir a min se non o atrae o Pai que me mandou, e Eu resucitareino no día final.
45
Escrito está nos profetas:
"E todos serán ensinados por Deus".
Quen do Pai escoitou e aprendeu, vén a min.
46
Non é que alguén vira o Pai, senón que aquel que vén de Deus, este ten visto o Pai.
47
Con toda verdade volo aseguro: -O que cre, ten vida eterna.
48
Eu son o pan de vida.
49
Os vosos pais comeron o maná no deserto e morreron.
50
Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del, non morra.
51
Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan vivirá para sempre; e o pan que Eu darei pola vida do mundo é a miña carne.
52
Entón os xudeus discutían entre si e dicían: -E este, como pode darnos a comer a súa carne?
53
Entón Xesús díxolles: -Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós.
54
O que come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e Eu resucitareino no día final.
55
Porque a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
56
O que come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e Eu nel.
57
Como o Pai vivo me mandou, e Eu vivo polo Pai, así o que me come, el tamén vivirá por min.
58
Este é o pan que baixou do ceo; non como o que os vosos pais comeron, e morreron; o que come deste pan vivirá para sempre.
59
Isto dixo Xesús na sinagoga, cando ensinaba en Cafarnaúm.
60
Por iso, moitos dos seus discípulos, cando escoitaron isto, dixeron: -Dura é esta palabra, quen pode escoitala?
61
Pero Xesús, sabendo en si mesmo que os discípulos murmuraban por isto, díxolles: -Escandalízavos isto?
62
E se virades o Fillo do Home ascender a onde estaba antes, que?
63
O Espírito é quen dá vida; a carne para nada aproveita; as palabras que vos teño falado son espírito e son vida.
64
Pero hai algúns de vós que non credes. Porque Xesús sabía dende o inicio quen eran os que non crían, e quen era o que o ía traizoar.
65
E dicía: -Por iso vos teño dito que ninguén pode vir a min, se o Pai non llo concede.
66
Dende entón moitos dos seus discípulos afastáronse e xa non andaban con El.
67
Entón Xesús dixo aos doce: -Vós tamén queredes marchar?
68
Simón Pedro respondeulle: -A quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna.
69
E nós cremos e coñecemos que Ti es o Santo de Deus.
70
Xesús respondeulles: -Non vos escollín Eu a vós, os doce, e porén un de vós é un demoño?
71
E El dicía isto de Xudas, o fillo de Simón Iscariote, porque este que o ía entregar, era un dos doce.