1
Despois destas cousas, houbo unha festa entre os xudeus, e Xesús subiu a Xerusalém.
2
E hai en Xerusalém, preto da porta das ovellas, un estanque, de nome Betesda no hebreo, e posúe cinco pórticos.
3
Nestes descansaba unha morea de doentes, cegos, coxos e paralíticos, agardando o movemento da auga.
4
Porque crían que un anxo baixaba cada certo tempo ao estanque e remexía a auga; e o primeiro que entraba no estanque, despois de que a auga se movera, sanaba de calquera doenza que tivese.
5
E había alí un home que levaba doente trinta e oito anos seguidos.
6
Cando Xesús o viu deitado, soubo que levaba así moito tempo, e díxolle: -Queres sanar?
7
Señor, respondeulle o doente, non teño quen me meta no estanque cando remexen a auga; e mentres eu vou, outro baixa antes ca min.
8
Díxolle Xesús: -Érguete, colle a túa cama, e anda.
9
E decontado o home sanou; e colleu a súa cama e andou. E era día de repouso.
10
Entón os xudeus dixéronlle ao que fora curado: -É día de repouso, a lei non permite que leves a túa cama.
11
El respondeulles: -Aquel que me sanou, el mesmo me dixo: colle a túa cama e anda.
12
Entón preguntáronlle: -Quen foi o que che dixo: colle a túa cama e anda?
13
E o curado non sabía quen fora, porque Xesús xa se afastara da xente que había naquel lugar.
14
Despois atopouno Xesús no templo e díxolle: -Decátate de que fuches sanado; non peques máis para que non che aconteza algunha cousa peor.
15
O home marchou, e díxolle aos xudeus que fora Xesús o que o sanara.
16
E por estas cousas, os xudeus perseguían a Xesús e procuraban matalo, porque facía cousas no día de repouso.
17
E Xesús respondeulles: -O meu Pai ata agora traballa, e Eu traballo tamén.
18
Por iso os xudeus, aínda máis procubaran matalo, porque non só infrinxía o día de repouso, senón que tamén dicía que Deus era o seu propio Pai, facéndose igual a Deus.
19
Respondeu Xesús e díxolles: -Con toda verdade volo aseguro: non pode o Fillo facer nada pola súa conta, senón o que ve facer ao Pai; porque todo o que o Pai fai, tamén o fai o Fillo.
20
Porque o Pai ama o Fillo, e amósalle todas as cousas que El fai; e amosaralle cousas maiores que estas, para que vos marabilledes.
21
Porque así como o Pai ergue os mortos, e lles dá vida, así tamén o Fillo dalles vida aos que quere.
22
Porque o Pai a ninguén xulga, senón que deu todo o xuízo ao Fillo.
23
Para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo, non honra o Pai que o mandou.
24
Con toda verdade volo aseguro: o que escoita a miña palabra e cre no que me mandou, ten vida eterna; e non irá á condenación, mais pasou da morte á vida.
25
Con toda verdade volo aseguro:-Achégase a hora, e agora é, cando os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus; e os que a escoiten vivirán.
26
Como o Pai ten vida en si mesmo, así deu ao Fillo, ter vida en si mesmo,
27
e tamén lle deu autoridade de facer xuízo, porque é o Fillo do Home.
28
Non vos admiredes disto; porque chegará a hora cando todos os que estean nos sepulcros escoitarán a súa voz;
29
e os que fixeron o ben, sairán a resurrección de vida; mais os que fixeron o mal, a resurrección de xuízo.
30
Non podo facer nada pola miña conta; como escoito, así xulgo; e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade, antes é a vontade do Pai que me mandou.
31
Se dou testemuño de min mesmo, o meu testemuño non é certo.
32
Outro é o que testemuña sobre min, e sei que o testemuño que dá de min é verdadeiro.
33
Vós mandastes mensaxeiros a Xoán e el deu testemuño da verdade.
34
Porén non recibo testemuño de ningún home; e digo isto para que sexades salvos.
35
El era a candea que ardía e alumeaba; e vós quixestes ter alegría, por un tempo, na súa luz.
36
Pero Eu teño testemuño maior que o de Xoán; porque as obras que o Pai me deu para realizar, as mesmas obras que Eu fago, testemuñan de min, que o Pai me mandou.
37
E o Pai que me mandou tamén deu testemuño de min. Nunca escoitastes a súa voz, nin vistes o seu parecer.
38
E non tendes a súa palabra nin mora en vós, porque a quen El mandou, non o credes.
39
Examinades as Escrituras, porque vós credes ter nelas a vida eterna, e elas son as que testifican de min.
40
E non queredes vir a min, para terdes vida.
41
Non ando á procura do recoñecemento da xente.
42
Pero Eu coñézovos, e non tendes o amor de Deus no voso interior.
43
Eu vin no nome do meu Pai e non me aceptades. Se outro viñera no seu propio nome, a ese aceptariades.
44
Como podedes crer, se recibides gloria os uns dos outros, e non procurades a gloria que vén do único Deus?
45
Non pensedes que vos vou acusar ante o Pai; hai quen vos acusa: Moisés, en quen tendes posta a esperanza.
46
Porque se vós crésedes en Moisés, creríades en min; pois el escribiu de min.
47
Pero se non credes nos seus escritos, como ides crer as miñas palabras?