Capítulo 4

1 Cando o Señor entendeu que os fariseos oíran que El facía e bautizaba máis discípulos que Xoán 2 (aínda que Xesús non bautizaba, senón os seus discípulos) 3 deixou Xudea e volveu para Galilea. 4 Pero precisaba pasar por Samaria. 5 Entón chegou a unha cidade de Samaria, chamada Sicar, xunto á herdanza que Xacob lle dera ao seu fillo Xosé. 6 Alí encontrábase o pozo de Xacob. Xesús estaba canso de camiñar e sentouse ao carón do pozo. Era chegando a hora sexta. 7 Unha muller samaritana veu tirar auga, e Xesús díxolle: -Dáme un pouco de auga para beber. 8 Pois os seus discípulos foran á cidade a mercar comida. 9 Entón a muller samaritana díxolle: -Sendo ti xudeu, como é que me pides que che dea de beber, ao saber que son muller samaritana? (Porque os xudeus e os samaritanos non se levan ben). 10 Xesús contestoulle: -Se soubeses do regalo de Deus, e quen é o que che di: dáme de beber; ti pediríaslle a El, e El daríache auga viva. 11 A muller respondeulle: -Señor, non tes con que tirala, e o pozo é fondo. Entón, onde tes a auga viva? 12 Es ti maior que o noso pai Xacob, que nos deu este pozo, e do que bebeu el, os seus fillos e os seus animais? 13 Xesús respondeulle e díxolle: -Calquera bebendo desta auga terá sede outra vez. 14 Porén, ao beber da auga que Eu lle dou, non volverá ter sede, senón que a auga que Eu lle dou, fará nel unha fonte de auga, que brotará para vida eterna. 15 A muller díxolle:-Señor, dáme desa auga para que eu non teña sede e non teña que vir aquí a tirala. 16 Xesús díxolle: -Vai chamar o teu marido e logo vén. 17 A muller contestoulle: -Non teño marido. Xesús respondeulle: -Falaches ben: non teño marido. 18 Porque tiveches cinco maridos e o que agora tes, non é o teu marido; nisto dixeches verdade. 19 A muller díxolle: -Señor ti es profeta. 20 Os nosos pais adoraron neste monte, pero ti dis que o lugar onde a xente debe adorar é Xerusalém. 21 Díxolle Xesús: -Muller cre en min, que a hora virá, cando nin neste monte, nin en Xerusalém, adoraredes o Pai. 22 Vós adorades o que non sabedes; nós adoramos o que sabemos, porque a salvación vén dos xudeus. 23 Mais a hora chega, e agora é, cando os adoradores verdadeiros adorarán o Pai en espírito e verdade, porque o Pai está á procura de persoas así, para que o adoren. 24 Deus é espírito, e as persoas que o adoran deben adoralo en espírito e verdade. 25 A muller díxolle: -Eu sei que o Mesías (que é chamado o Unxido) vai vir. Cando veña, explicaranos tódalas cousas. 26 Xesús díxolle: -Eu son, o que fala contigo. 27 Nese intre os seus discípulos volveron. E admiráronse de que falara cunha muller, pero ningún lle preguntou: que buscas, ou que falas con ela? 28 Entón a muller deixou o seu cántaro, foi á cidade e díxolle a todos: 29 -Vinde e ollade a un home que me dixo todo canto eu fixen. Será este o Mesías? 30 E eles saíron da cidade e foron xunto El. 31 Nese intre, os discípulos rogábanlle dicindo: -Rabí, come. 32 Pero el díxolles: -Teño unha comida para comer que vós non sabedes. 33 Os discípulos dicían entre eles: traeríalle alguén algo para comer? 34 Xesús díxolles: -A miña comida é cumprir a vontade de quen me mandou e realizar a súa obra. 35 Non dicides vós: aínda faltan catro meses para que veña a seitura? Dígovolo agora: -Ollade ben cos vosos ollos e mirade que os eidos están brancos para a seitura. 36 Pois o que recolle ten a súa paga e recolle froito para vida eterna, para que o que sementa e o que fai a seitura se alegren xuntos. 37 Neste caso é verdadeiro o refrán: un sementa e outro colleita. Eu mandeivos a seiturar o que non tiñades traballado; 38 outros xa o traballaron antes, e vós participades no seu traballo. 39 E moitos samaritanos daquela cidade creron nel pola palabra da muller que lles deu testemuño: díxome todo canto eu fixen! 40 Así que cando os samaritanos viñeron a El, rogábanlle que ficara con eles; e quedou alí dous días. 41 E moitos máis creron nel pola súa palabra. 42 E dicíanlle á muller: -Xa non cremos só polo que ti nos tes dito, senón que nós mesmos ouvímolo del, e sabemos que este é en verdade o Salvador do mundo. 43 Pasados dous días marchou de alí para Galilea. 44 Porque Xesús mesmo dera testemuño de que a un profeta non se lle honra na súa terra. 45 Así, cando chegou a Galilea acollérono, pois tiñan visto todo o que fixera na festa, en Xerusalém; porque eles tamén foran á festa. 46 Veu, pois, Xesús outra vez a Caná de Galilea, onde convertera a auga en viño. E había un oficial do rei que tiña un fillo doente en Cafarnaún. 47 Cando oíu que Xesús chegara de Xudea a Galilea, foi xunto El, e rogoulle que baixase para curar o seu fillo, que estaba á morte. 48 Díxolle entón Xesús: -Se non virades sinais e milagres, non creríades. 49 O oficial díxolle: -Señor, baixa antes de que o meu fillo morra. 50 Díxolle Xesús: -Marcha, o teu fillo vive. E o home confiou na palabra que Xesús lle dixera, e marchou. 51 Cando el ía baixando, os seus servos saíron ao seu encontro e déronlle as novas dicindo: -O teu fillo vive! 52 Daquela preguntoulles a hora na que comezou a mellorar. E dixéronlle: -Onte ás sete deixouno a febre. 53 Entón o pai decatouse de que esa era a hora na que Xesús dixera: o teu fillo vive! E creu nel con todos os da casa. 54 Xesús fixo este segundo sinal cando ía de Xudea a Galilea.