1
Con toda verdade volo aseguro: -O que non entra pola porta na mallada das ovellas, e sobe pola outra parte, ese é ladrón e bandido.
2
Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas.
3
O porteiro ábrelle a este, e as ovellas escoitan a súa voz; chama as súas ovellas por nome, e guíaas para fóra.
4
Cando saca a todas as súas, vai diante delas, e as ovellas sígueno, porque coñecen a súa voz.
5
E de ningunha maneira seguirán a un estraño, senón que fuxirán del, porque non coñecen a voz dos estraños.
6
Xesús faloulles por medio desta parábola, pero eles non entenderon o que lles quería dicir.
7
Entón Xesús díxolles outra vez: -Con toda verdade volo aseguro: Eu son a porta das ovellas.
8
Todos os que viñeron antes de min son ladróns e bandidos, pero as ovellas non os escoitaron.
9
Eu son a porta; se algún entra por min, será salvo; e entrará e sairá e atopará pasto.
10
O ladrón só vén para roubar, matar e destruír; Eu vin para que teñan vida e a teñan en abundancia.
11
Eu son o bo pastor; o bo pastor dá a súa vida polas ovellas.
12
Pero o que é xornaleiro e non é pastor, que non é o dono das ovellas, ve o lobo que vén, foxe e deixa as ovellas, e o lobo quítaas e dispérsaas.
13
El foxe porque só traballa pola paga e as ovellas tanto lle teñen.
14
Eu son o bo pastor, e coñezo as miñas ovellas, e as miñas recoñécenme,
15
de igual modo que o Pai me coñece e Eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas.
16
Teño outras ovellas que non son desta mallada; a estas tamén teño que traer e han escoitar a miña voz, e serán un rabaño cun só pastor.
17
Por iso o Pai ámame. Porque dou a miña vida para tomala outra vez.
18
Ninguén ma quita, senón que Eu douna por vontade propia. Teño autoridade para dala, e teño autoridade para tomala outra vez. Este mandamento recibín do meu Pai.
19
Outra vez os xudeus volveron dividirse por estas palabras.
20
E moitos deles dicían: ten un demo no corpo e está tolo. Por que lle facedes caso?
21
Outros dicían: estas palabras non son as dun endemoñado. Pode un demo abrir os ollos dos cegos?
22
Neses días celebrábase en Xerusalém a festa da Dedicación.
23
Era inverno e Xesús andaba polo templo, no pórtico de Salomón.
24
Entón os xudeus rodeárono e dixéronlle: -Até cando nos vas ter en ascuas? Se ti es o Mesías, dínolo con claridade.
25
Xesús respondeulles: -Xa volo dixen e non credes; as obras que fago no nome do meu Pai, esas testemuñan de min.
26
Pero vós non credes porque non sodes das miñas ovellas.
27
As miñas ovellas escoitan a miña voz, e Eu coñézoas e séguenme.
28
E Eu doulles vida eterna e non han perecer nunca, e ninguén poderá quitalas da miña man.
29
O que o meu Pai mas deu é maior que todos e ninguén poderá quitalas das mans do meu Pai.
30
Eu e o Pai somos un.
31
Os xudeus tomaron pedras para lanzarllas.
32
Xesús díxolles: -Mostreivos moitas obras boas que son do Pai, por cal delas me apedrades?
33
Os xudeus contestáronlle: -Non te lapidamos por ningunha obra boa senón por blasfemia; e porque Ti, sendo home, faste Deus.
34
Xesús díxolles: -Non está escrito na vosa lei:
"Eu dixen: sodes deuses"?
35
Se chamou deuses a aqueles que recibiron a palabra de Deus (e a Escritura non se pode quebrantar);
36
a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, vós dicídeslles: "blasfemas", porque dixen Eu son o Fillo de Deus?
37
Se non fago as obras do meu Pai, non creades en min;
38
pero se as fago, aínda que non creades en min, crede ás obras; para que saibades e entendades que o Pai está en min e Eu no Pai.
39
Por iso procuraban prendelo outra vez, pero escapóuselles das mans.
40
Marchou outra vez para o outro lado do Xordán, ao lugar onde Xoán estivera bautizando, e ficou alí.
41
Moitos viñeron a El e dicían: -Xoán non fixo ningún sinal, porén, todo o que dixo Xoán deste, era verdade.
42
E moitos alí creron nel.