1
E estaba doente un home chamado Lázaro, de Betania, a aldea de María e da súa irmá Marta.
2
María, que tiña ao seu irmán Lázaro doente, foi a que unxiu o Señor con perfume e secoulle os pés cos seus cabelos.
3
As dúas irmás mandaron recado a Xesús: -Señor, olla, o que ti amas está doente.
4
Ao escoitalo Xesús, dixo: -Esta efermidade non é para morte, senón para a gloria de Deus, para que o Fillo de Deus sexa glorificado por ela.
5
E Xesús amaba a Marta, a súa irmá e a Lázaro.
6
Cando escoitou, entón, que Lázaro estaba doente, quedou por dous días máis no lugar onde estaba.
7
Logo, despois disto, dixo aos seus discípulos: -Vaiamos outra vez a Xudea.
8
Os discípulos dixéronlle: -Rabí, hai pouco que os xudeus procuraban lapidarte, e vas outra vez alá?
9
Xesús respondeu: -Non hai doce horas no día? Se algún anda de día, non tropeza, porque ve a luz deste mundo.
10
Pero se algún anda de noite, tropeza, porque a luz non está nel.
11
E logo de dicir isto, engadiu: -O noso amigo Lázaro adormeceu; vou espertalo.
12
Entón os discípulos dixéronlle: -Señor se adormeceu, salvarase.
13
Pero Xesús falara da morte de Lázaro mais eles creron que estaba a falar literalmente do sono.
14
Entón Xesús, díxolles claramente: -Lázaro morreu;
15
e por causa de vós, alégrome de non ter estado alí, para que creades. Pero vaiamos onde el está.
16
Tomás, chamado o Dídimo, dixo entón aos seus condiscípulos: -Vaiamos nós tamén para morrer con el.
17
Chegou, pois, Xesús e encontrou que xa había catro días que estaba no sepulcro.
18
Betania estaba preto de Xerusalém, como a tres kilómetros;
19
e moitos dos xudeus viñeran a casa de Marta e María, para consolalas pola morte do seu irmán.
20
Entón Marta, cando escoitou que Xesús viña, saíulle ao encontro, pero María ficou sentada na casa.
21
E Marta dixo a Xesús: -Señor, se estiveras aquí o meu irmán non tería morto!
22
Con todo, eu sei que todo o que pidas a Deus, Deus concederacho.
23
Xesús díxolle: -O teu irmán hase levantar.
24
Marta contestoulle: -Eu sei que se levantará na resurrección, no día final.
25
Xesús díxolle: -Eu son a resurrección e a vida; o que cre en min, aínda que morra, vivirá,
26
e todo o que vive e cre en min, xamais morrerá, cres isto?
27
Ela díxolle: -Si Señor, eu crin que Ti es o Mesías, o Fillo de Deus, o que vén ao mundo.
28
E logo de dicir isto, foise e chamou a súa irmá María, dicíndolle en segredo: -O Mestre está aquí, e chama por ti.
29
Tan pronto como ela o escoitou, ergueuse de súpeto, e foi xunto del.
30
Pois mesmo Xesús non entrara na aldea, senón que aínda estaba no lugar onde Marta o atopara.
31
Entón os xudeus que estaban con ela na casa consolándoa, cando viron que María se ergueu con présa e saíu, seguírona, supoñendo que ía ao sepulcro a chorar alí.
32
Cando María chegou onde estaba Xesús, ao velo, botouse os seus pés, dicíndolle: -Señor, se estiveras aquí, o meu irmán non tería morto.
33
E cando Xesús a viu chorar, e aos xudeus que viñeran con ela chorando tamén, conmoveuse profundamente no espírito, e entristeceuse,
34
e dixo: -Onde o puxestes? Dixéronlle: -Señor, ven e mira.
35
Xesús chorou.
36
Por iso os xudeus dicían: -Ollade canto o amaba.
37
Pero algúns deles dixeron: -Non podía este, que abriu os ollos ao cego, ter evitado tamén que morrera Lázaro?
38
Entón Xesús, de novo conmovido profundamente no seu interior, foi ao sepulcro. Era unha cova, e tiña unha pedra posta sobre ela.
39
Xesús dixo: -Quitade a pedra. Marta, irmá do que morrera díxolle:-Señor, xa cheira, porque hai catro días que morreu.
40
Xesús díxolle: -Non che dixen que se cres verás a gloria de Deus?
41
Entón quitaron a pedra. Xesús alzou os ollos ao alto e dixo: -Pai douche as grazas porque me escoitaches!
42
Eu sabía que sempre me escoitas; pero díxeno por causa da multitude que está ao redor, para que crean que ti me mandaches.
43
E dito isto, berrou con voz forte:-Lázaro, ven fora!
44
E o que estivera morto saíu, os pés e as mans atadas con vendas, e o rostro envolto nun lenzo. Xesús díxolles: -Desatádeo e deixádeo ir.
45
Entón moitos dos xudeus que viñeran onda María, ao veren o que fixo, creron nel.
46
Pero algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que Xesús fixera.
47
Entón os principais sacerdotes e os fariseos convocaron ao Sanedrín, e dicían: -Que faremos? Porque este home fai moitos sinais.
48
Se lle deixamos seguir así, todos van crer nel, e virán os romanos e quitarannos o noso lugar e a nosa nación.
49
Pero un deles, Caifás, que era sumo sacerdote ese ano, díxolles: -Vós non sabedes nada,
50
nin tendes en conta que máis vos convén que un home morra polo pobo, e non que pereza toda a nación.
51
Agora ben, non dixo isto de si mesmo, senón que sendo sumo sacerdote ese ano, profetizou que Xesús ía morrer pola nación;
52
e non só pola nación, senón tamén para xuntar nun os fillos de Deus que estaban dispersos.
53
Así que, dende ese día conspiraron xuntos para matalo.
54
Por iso Xesús xa non andaba publicamente entre os xudeus, senón que marchou de alí á rexión preto do deserto, a unha cidade chamada Efraín; e quedouse alí cos discípulos.
55
E estaba próxima a Pascua dos xudeus, e moitos da rexión subiron a Xerusalém antes da Pascua para se purificar.
56
Entón buscaban a Xesús, e estando eles no templo, dicíanse uns aos outros: -Que vos parece? Que non virá á festa?
57
E os principais sacerdotes e os fariseos deran ordes de que se alguén sabía onde estaba Xesús, dese aviso para prendelo.