1
Entón Xesús, seis días antes da Pascua, veu a Betania onde estaba Lázaro, o que Xesús resucitara de entre os mortos.
2
E fixéronlle alí unha cea, e Marta estaba a servir; pero Lázaro era un dos que estaban á mesa con El.
3
Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, unxiu os pés de Xesús, e secounos cos seus cabelos, e a casa encheuse do recendo do perfume.
4
E Xudas Iscariote, un dos discípulos, o que o ía entregar, dixo:
5
-Por que non se vendeu este perfume por trescentos denarios e se lle deu aos pobres?
6
Pero dixo isto, non porque lle preocuparan os pobres, senón porque era un ladrón, e como tiña a bolsa dos cartos, furtaba do que lle botaban nela.
7
Entón Xesús dixo: -Déixaa, porque ela gardou isto para o día da miña sepultura.
8
Porque sempre teredes os pobres con vós, pero non sempre me teredes a min.
9
Entón, a gran multitude de xudeus enterouse de que estaba alí, e viñeron, non só por mor de Xesús, senón tamén por ver a Lázaro, ao que resucitara de entre os mortos.
10
Pero os principais sacerdotes resolveron matar tamén a Lázaro;
11
porque por causa del, moitos xudeus ían e crían en Xesús.
12
Ao día seguinte, cando a gran multitude que viñera á festa, ouviu que Xesús viña a Xerusalém,
13
colleu follas de palma, e saíu a recibilo, e berraba: -Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor, o Rei de Israel!
14
Xesús, atopou un burriño e montou nel; como está escrito:
15
"Non temas filla de Sión; velaí o teu Rei vén, montado nun burriño".
16
Os seus discípulos non entenderon isto ao principio, porén logo, cando Xesús foi glorificado, lembráronse de que isto se escribira del, e que lle fixeran estas cousas.
17
E así, a multitude que estaba con El cando chamou a Lázaro do sepulcro e o resucitou de entre os mortos, daba testemuño del.
18
Por iso a multitude foi tamén a recibilo, porque escoitaran que fixera este sinal.
19
Entón os fariseos dicían entre eles: -Vedes que nada conseguides? Mirade, todo o mundo vai detrás del.
20
E había uns gregos entre os que subían a adorar á festa;
21
estes, pois, foron onda Filipe, que era de Betsaida de Galilea, e rogábanlle, dicindo: -Señor, queremos ver a Xesús.
22
Filipe foi e díxollo a Andrés; Andrés e Filipe foron e dixéronllo a Xesús.
23
Xesús respondeulles dicindo: -Chegou a hora para que o Fillo do Home sexa glorificado.
24
Con toda verdade volo aseguro, se o gran de trigo non cae en terra e morre, fica el só; pero se morre, leva moito froito.
25
O que ama a súa vida, pérdea; e o que aborrece a súa vida neste mundo, ha conservala para vida eterna.
26
Se algún me serve, que me siga; e onde Eu estou alí tamén estará o meu servidor; se algún me serve o Pai ha honralo.
27
Agora está turbada a miña alma; e que hei dicir? Pai, sálvame desta hora? Mais para isto cheguei a esta hora.
28
Pai glorifica o teu nome. Entón veu unha voz do ceo: -Glorifiqueino e heino glorificar outra vez!
29
Por iso a multitude que estaba alí e a escoitou, dicía que fora un trono; outros dicían: faloulle un anxo!
30
Respondeu Xesús e dixo: -Esta voz non veu por causa miña, senón por causa vosa.
31
Xa está aquí o xuízo deste mundo; agora o príncipe deste mundo será lanzado fóra.
32
E, Eu, se son levantado sobre terra, atraerei a todos a min mesmo.
33
Pero El dicía isto para indicar de que morte ía morrer.
34
Entón a multitude respondeulle: -Escoitamos na lei que o Mesías permanecerá para sempre; e como dis ti: o Fillo do Home ten que ser levantado? Quen é este Fillo do Home?
35
Xesús entón díxolles: -Aínda un pouco de tempo, estará a luz entre vós. Camiñade mentres teñades luz, para que non vos sorprendan as tebras: o que anda en escuridade non sabe onde vai.
36
Mentres estades en luz, crede na luz, para que sexades fillos de luz. Estas cousas falou Xesús, e foise e escondeuse deles.
37
Porque aínda que fixera tantos sinais diante deles, non crían nel,
38
para que se cumprira a palabra do profeta Isaías, que dixo:
"Señor, quen creu o noso anuncio? E a quen se revelou o brazo do Señor"?
39
Por iso non podían crer, porque Isaías tamén dixo:
40
"El cegou os seus ollos e endureceu o seu corazón, para que non vexan cos ollos e entendan co corazón, e se convirtan e Eu os sane".
41
Dixo isto Isaías porque viu a súa gloria, e falou del.
42
Porén, moitos, aínda dos gobernantes, creron nel, pero por causa dos fariseos non o confesaban, para non seren expulsados da sinagoga.
43
Porque amaban máis a loanza dos homes que o recoñecemento de Deus.
44
Xesús exclamou e dixo: -O que cre en min, non cre en min, senón naquel que me mandou.
45
E quen me ve, ve a aquel que me mandou.
46
Eu, a luz, vin ao mundo, para que todo o que cre en min non permaneza en tebras.
47
Se algún escoita as miñas palabras e non as garda, Eu non o xulgo; porque non vin xulgar o mundo, senón a salvar o mundo.
48
O que me rexeita e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue; a palabra que falei, esa xulgarao no día final.
49
Porque Eu non falei pola miña conta, senón o Pai mesmo que me mandou, deume mandamento sobre todo o que hei dicir e o que hei falar.
50
E sei que o seu mandamento é vida eterna; por iso o que falo, o digo tal como o Pai mo dixo.