1
Antes da festa da Pascua, sabendo Xesús que a súa hora chegara para pasar deste mundo ao Pai, tendo amado os seus que estaban no mundo, amounos até o fin.
2
E durante a cea, como o demo xa puxera no corazón de Xudas Iscariote, fillo de Simón, que o traizoara,
3
Xesús, sabendo que o Pai puxera todas as cousas nas súas mans, e que viñera de Deus e a Deus ía,
4
ergueuse da cea e sacou o seu manto, e collendo unha toalla, cinguiuse con ela.
5
Logo botou auga nunha talla, e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secarllelos coa toalla que levaba cinguida.
6
Entón chegou a Simón Pedro e este díxolle: -Señor, vasme lavar os pés ti a min?
7
Xesús respondeu e díxolle: -Agora ti non comprendes o que fago, pero despois entenderalo.
8
Pedro contestoulle: -Xamais me lavarás os pés! Xesús respondeulle: -Se non te lavo, non tes parte comigo.
9
Simón Pedro díxolle: -Señor, logo non só os pés, senón tamén as mans e a cabeza.
10
Xesús díxolle: -O que se bañou non precisa lavarse, agás os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, pero non todos.
11
Porque sabía quen o ía entregar; por iso dixo: non estades todos limpos.
12
Entón, cando acabou de lavarlles os pés, colleu o seu manto, e reclinándose á mesa outra vez, díxolles: -Sabedes o que vos fixen?
13
Vós chamádesme Mestre e Señor, e tendes razón, porque o son.
14
Pois se Eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, vós tamén debedes lavarvos os pés os uns aos outros.
15
Porque deivos exemplo, para que como Eu volo fixen, tamén o fagades vós.
16
Con toda verdade volo aseguro: un servo non é maior que o seu Señor, nin un mensaxeiro é maior que quen o mandou.
17
Se sabedes isto, seredes felices se o facedes.
18
Non falo de todos vós, Eu coñezo os que escollín; pero é para que se cumpra a Escritura: "O que come o meu pan, levantou contra min o seu calcañar".
19
Dígovolo dende agora, antes de que pase, para que cando aconteza, creades que Eu Son.
20
Con toda verdade volo aseguro: o que recibe a quen Eu mande, recíbeme a min; e o que me recibe a min, recibe ao que me mandou.
21
Tendo dito Xesús isto, anguriouse en espírito, e testemuñou e dixo: en verdade vos digo que un de vós hame entregar.
22
Os discípulos mirábanse uns aos outros, e estaban sorprendidos sen saber de quen falaba.
23
Un dos seus discípulos (a quen Xesús amaba), estaba recostado no peito de Xesús.
24
Entón Pedro fíxolle acenos e díxolle: -Dinos de quen fala.
25
El, recostándose novamente sobre o peito de Xesús, díxolle: -Señor, quen é?
26
Entón Xesús respondeu: -É aquel a quen Eu darei o pan que vou mollar. E mollando o pan, deullo a Xudas, fillo de Simón Iscariote.
27
E despois do bocado, Satanás entrou nel. Entón Xesús díxolle: -O que vas facer, apura a facelo!
28
Pero ningún dos que estaban recostados á mesa entendeu porque lle dixo isto.
29
Xa que algúns pensaban que como Xudas tiña a bolsa dos cartos, Xesús lle dixera: merca o que precisamos para a festa, ou que dera algo para os pobres.
30
E Xudas, despois de recibir o bocado, saíu axiña; e xa era noite.
31
Entón, cando saíu, Xesús dixo: -Agora é glorificado o Fillo do Home, e Deus é glorificado nel!
32
E se Deus é glorificado nel, Deus tamén o glorificará en si mesmo, e axiña o glorificará para sempre.
33
Filliños, estarei convosco un pouco máis de tempo. Haberédesme buscar, e como dixen aos xudeus, agora tamén volo digo a vós: onde Eu vou, vós non podedes vir.
34
Douvos un mandamento novo: que vos amedes uns aos outros; que así como Eu vos amei, así tamén vos amedes uns aos outros.
35
Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos, se tedes amor uns polos outros.
36
Simón Pedro díxolle: -Señor, onde vas? Xesús respondeu: -Onde Eu vou, ti non es quen de seguirme agora, pero seguirasme despois.
37
Pedro díxolle: -Señor, por que non podo seguirte agora mesmo? Eu darei a miña vida por ti!
38
Xesús respondeulle: -Darás a túa vida por min? En verdade che digo: non cantará o galo sen que antes me teñas negado tres veces.