Capítulo 14

1 Non se azore o voso corazón. Crede en Deus, crede tamén en min. 2 Na casa do meu Pai hai moitas moradas; se non fora así, diríavolo; vou preparar un lugar para vós. 3 E se me vou e preparo un lugar para vós, virei outra vez, e collereivos comigo; para que onde Eu estou, alí tamén esteades vós. 4 E coñecedes o camiño a onde vou. 5 Díxolle Tomás: -Señor, se non sabemos a onde vas, como imos coñecer o camiño? 6 Xesús díxolle: -Eu son o camiño, e a verdade, e a vida; ninguén vén ao Pai senón por min. 7 Se me coñecestes, tamén coñeceredes o meu Pai, e dende agora coñecédelo e vístelo. 8 Filipe díxolle: -Señor móstranos o Pai e bástanos. 9 Xesús díxolle: -Tanto tempo estiven con vós, e aínda non me coñeces, Filipe? O que me viu a min, viu ao Pai. Como dis ti, móstranos o Pai? 10 Non cres que Eu estou no pai e o Pai en min? As palabras que Eu vos digo, non as falo pola miña propia conta, senón que o Pai que mora en min é o que fai as obras. 11 Crédeme que Eu estou no Pai, e o Pai en min; e se non, crede polas propias obras. 12 Con toda verdade volo aseguro: o que cre en min, as obras que Eu fago, el tamén as fará; e aínda maiores que estas fará, porque eu vou ao Pai. 13 E todo o que pidades no meu nome, fareino, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. 14 Se me pedides algo no meu nome, Eu fareino. 15 Se me amades gardaredes os meus mandamentos. 16 E eu rogarei ao Pai, e El daravos outro Axudador para que estea con vós para sempre; 17 é dicir, o Espírito de verdade, a quen o mundo non pode recibir, porque nin o ve nin o coñece; pero vós si que o coñecedes porque está convosco e estará en vós. 18 Non vos deixarei orfos; virei a vós. 19 Aínda un pouco de tempo e o mundo non me verá máis, pero vós verédesme; porque Eu vivo, vós tamén viviredes. 20 Nese día coñeceredes que Eu estou no Pai, e vós en min, e Eu en vós. 21 O que ten os meus mandamento e os garda, ese é o que me ama; e o que me ama será amado polo meu Pai; e Eu amareino e manifestareime a el. 22 Díxolle Xudas (non o Iscariote): -Señor, e que é iso de que te vas manifestar a nós e non ao mundo? 23 Xesús respondeu e díxolle: -Se algún me ama, gardará a miña palabra; e o meu Pai amarao, e viremos a el, e faremos morada con el. 24 O que non me ama, non gardará as miñas palabras; e a palabra que escoitades, non é miña, senón do Pai que me mandou. 25 Díxenvos estas cousas estando con vós. 26 Pero o Axudador, o Espírito Santo, a quen o Pai mandará no meu nome, el havos ensinar todas as cousas, e lembraravos todo o que vos dixen. 27 Déixovos a paz, douvos a miña paz. Non vola dou como o mundo a dá. Non se perturbe o voso corazón nin teña medo. 28 Escoitastes que vos dixen: voume e virei a vós. Se me amásedes, alegraríadesvos porque vou ao Pai, pois o Pai é maior ca min. 29 E xa volo dixen agora, antes que aconteza, para que cando aconteza, creades. 30 Non falarei moito máis convosco, porque o príncipe deste mundo vén, e el nada ten en min; 31 pero para que o mundo saiba que Eu amo ao Pai, e como o Pai me mandou, así fago. Erguédevos, vámonos de aquí.