1
E o primeiro día da semana María Magdalena foi cedo ao sepulcro, cando aínda estaba escuro, e viu que a pedra xa fora quitada do sepulcro.
2
Entón correu e foi a Simón Pedro e ao outro discípulo a quen Xesús amaba, e díxolles: -Leváronse o Señor do sepulcro, e non sabemos onde o puxeron.
3
Saíron, pois, Pedro e o outro discípulo, e foron cara o sepulcro.
4
Os dous corrían xuntos, pero o outro discípulo correu máis a presa ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro;
5
e abaixándose para mirar adentro, viu as envolturas de liño alí estiradas, pero non entrou.
6
Entón chegou tamén Simón Pedro que ía tras del, e entrando no sepulcro viu as envolturas de liño alí estiradas,
7
e o sudario que estivera na cabeza de Xesús, non colocado coas envolturas de liño, senón enrolado nun lugar aparte.
8
Entón entrou tamén o outro discípulo, o que chegara primeiro ao sepulcro, e viu e creu.
9
Porque aínda non creran a Escritura, que lle era necesario resucitar de entre os mortos.
10
Os discípulos entón volveron cos seus.
11
Pero María estaba fóra, chorando a carón do sepulcro; e mentres choraba, abaixouse e mirou dentro do sepulcro;
12
e viu dous anxos vestidos de branco, sentados onde estivera o corpo de Xesús, un á cabeceira e outro aos pés.
13
E eles dixéronlle: -Muller por que choras? Ela díxolles: -Porque leváronse ao meu Señor, e non sei onde o puxeron.
14
Ao dicir isto, volveuse e viu a Xesús que estaba alí, pero non sabía que era Xesús.
15
Xesús díxolle: -Muller por que choras? A quen buscas? Ela, pensando que era o xardineiro, díxolle: -Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, e eu levareino.
16
Xesús díxolle: -María! Ela, volvéndose, díxolle en arameo: -Raboni! (que quere dicir, Mestre).
17
Xesús díxolle: -Sóltame porque aínda non subín ao Pai; pero vai aos meus irmáns, e dilles: subo para o meu Pai e para o voso Pai, para o meu Deus e para o voso Deus.
18
Foi María Magdalena e anunciou aos discípulos: -Vin o Señor! E que El lle dixera estas cousas.
19
Entón, no solpor daquel día, o primeiro da semana, e estando pechadas as portas do lugar onde os discípulos estaban por medo dos xudeus, Xesús veu e púxose en medio deles, e díxolles: -Paz a vós.
20
E dicindo isto mostroulles as mans e o costado. Entón os discípulos alegráronse ao ver o Señor.
21
Xesús entón, díxolles outra vez: -Paz a vós; como o Pai me mandou, así vos mando Eu.
22
Despois de dicir isto, soprou e díxolles: -Recibide o Espírito Santo.
23
A quen perdoedes os pecados, fóronlle perdoados; a quen reteñades os pecados, fóronlle retidos.
24
Tomás, un dos doce, chamado o Dídimo, non estaba con eles cando Xesús veu.
25
Entón os outros discípulos dixéronlle: -Vimos o Señor! Pero el dixo: -Se non vexo nas súas mans o sinal dos cravos, e meto o dedo no lugar dos cravos, e poño a miña man no seu costado, non crerei.
26
Oito días despois, os seus discípulos estaban outra vez dentro, e Tomás con eles. E estando as portas pechadas, Xesús veu e púxose no medio deles, e dixo: -Paz a vós.
27
Logo, dixo a Tomás: -Achega aquí o teu dedo, e olla as miñas mans; estende aquí a túa man e métea no meu costado; e non sexas incrédulo, senón crente.
28
Respondeu Tomás e díxolle:-Meu Señor e meu Deus! Xesús díxolle: -Porque me viches, criches?
29
Felices os que non viron, e porén creron.
30
E moitos outros sinais fixo tamén Xesús en presenza dos seus discípulos, que non están escritas neste libro;
31
pero escribíronse estas cousas para que creades que Xesús é o Unxido, o Fillo de Deus; e para que crendo, teñades vida no seu nome.