Capítulo 19

1 Pilato, pois, colleu a Xesús e azoutouno. 2 E os soldados entreteceron unha coroa de espiñas, puxérona na súa cabeza e vestírono cun manto de cor púrpura; 3 e achegándose a El, dicíanlle: Salve, Rei dos xudeus! E dábanlle labazadas. 4 Pilato saíu outra vez, e díxolles: -Velaí, tráiovolo fóra, para que saibades que non atopo ningún delito nel. 5 Xesús entón saíu fóra levando a coroa de espiñas e o manto purpúreo. E Pilato díxolles: -Velaí o Home! 6 Entón, cando o viron os principais sacerdotes e os oficiais, berraron dicindo: -Crucifícao! -Crucifícao! Pilato díxolles: -Collédeo vós e crucificádeo, porque eu non atopo ningún delito nel. 7 Os xudeus respondéronlle: -Nós temos unha lei, e segundo esa lei El debe morrer, por se facer a si mesmo Fillo de Deus. 8 Cando Pilato escoitou estas palabras, colleu máis medo. 9 Entrou de novo no Pretorio e díxolle a Xesús: -De onde es ti? Pero Xesús non lle deu resposta. 10 Pilato entón díxolle: -Non me falas a min? Non sabes que teño autoridade para te soltar, e que teño autoridade para te crucificar? 11 Xesús respondeu: -Ningunha autoridade terías sobre min se non che fose dada de arriba; por iso o que me entregou a ti, ten maior pecado. 12 Como resultado disto, Pilato procuraba soltalo, pero os xudeus berraban, dicindo: -Se soltas a este, non es amigo do César! Todo o que se fai rei oponse ao César. 13 Entón Pilato, cando escoitou estas palabras, sacou fóra a Xesús e sentouno no tribunal, nun lugar chamado o Empedrado, e no hebreo Gabata. 14 E era o día da Preparación da Pascua; era como a hora sexta. E Pilato dixo aos xudeus: -Velaí o voso rei! 15 Entón eles berraron: -Fóra! Fóra! Crucifícao! Pilato díxolles: -Crucificarei o voso rei? Os principais sacerdotes responderon: -Non temos máis rei có César! 16 Así que entón entregoullelo para que fose crucificado. 17 Colleron, pois, a Xesús e El saíu cargando a súa cruz ao lugar chamado da Caveira, que en hebreo dise Gólgota, 18 onde o crucificaron, e con El a outros dous, un de cada lado e Xesús no medio. 19 Pilato tamén escribiu un título e púxoo sobre a cruz. E estaba escrito: Xesús o Nazareno, Rei dos xudeus. 20 Entón moitos xudeus leron este título, porque estaba escrito en hebreo, en latín e en grego. 21 Por iso os principais sacerdotes dos xudeus dicían a Pilato: non escribas, Rei dos xudeus; senón que El dixo: Eu son o rei dos xudeus. 22 Pilato respondeu: o que escribín, escrito está. 23 Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron os seus vestidos e fixeron catro partes, unha para cada soldado. E colleron tamén a túnica; e a túnica era sen costura, tecida nunha soa peza. 24 Entón dixéronse uns aos outros: non a imos partir; senón botemos sortes sobre ela, para ver de quen será; para que se cumprira a Escritura: "Repartiron entre si as miñas vestiduras, e sobre a miña roupa lanzaron sortes". 25 Por iso os soldados fixeron isto. E ao pé da cruz de Xesús estaba a súa nai, a irmá da súa nai, María, a muller de Cleofas, e María Magdalena. 26 E cando Xesús viu a súa nai, e o discípulo a quen El amaba que estaba alí ao lado, díxolle a súa nai: -Muller, velaí o teu fillo! 27 Logo díxolle ao discípulo: -Velaí a túa nai! E dende aquela hora o discípulo recibiuna na súa casa. 28 Despois disto, sabendo Xesús que xa todo se consumara, para que se cumprira a Escritura, dixo: -Teño sede. 29 Había alí un vaso cheo de vinagre; colocaron, pois, unha esponxa mergullada no vinagre nun ramal de hisopo, e achegáronllo á boca. 30 Entón Xesús, cando tomou o vinagre, dixo: -Consumado é! E abaixando a cabeza, entregou o espírito. 31 Os xudeus entón, como era o día da Preparación para a Pascua, a fin de que os corpos non ficaran na cruz o día de repouso (porque ese día de repouso era moi solemne), pedíronlle a Pilato que lles quebrasen as pernas e que os levaran. 32 Foron, pois, os soldados e quebraron as pernas do primeiro, e tamén as do outro que fora crucificado con Xesús; 33 pero cando chegaron a Xesús, como viron que estaba morto, non lle quebraron as pernas. 34 Pero un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e ao momento saíu sangue e auga. 35 E o que o viu deu testemuño; e o seu testemuño é verdadeiro; e el sabe que di a verdade, para que vós tamén creades. 36 Porque isto aconteceu para que se cumprira a Escritura: "Ningún dos seus ósos será quebrado". 37 E tamén outra Escritura di: "Han ollar ao que traspasaron". 38 Despois destas cousas, Xosé de Arimatea, que era discípulo de Xesús, inda que en segredo por medo aos xudeus, pediu permiso a Pilato para levar o corpo de Xesús. 39 E Nicodemo, o que antes viñera a Xesús de noite, veu tamén, traendo unha mestura de mirra e áloes, como de cen libras. 40 Entón levaron o corpo de Xesús e envolvérono en lenzos de liño coas especias aromáticas, como os xudeus acostuman sepultar. 41 No lugar onde foi sepultado había unha horta, e na horta un novo sepulcro, no que aínda non tiñan sepultado a ninguén. 42 Polo tanto, por causa do día da Preparación dos xudeus, como o sepulcro estaba preto, puxeron alí a Xesús.