1
Despois de dicir isto, Xesús saíu cos seus discípulos ao outro lado da fervenza do Cedrom, onde había unha horta, na que entrou El cos seus discípulos.
2
Tamén Xudas, o que o ía traizoar, coñecía o lugar, porque Xesús reunírase alí a miúdo cos seus discípulos.
3
Entón Xudas, recibindo a unha tropa romana, e a varios oficiais dos principais sacerdotes e dos fariseos, foi alí con lanternas, fachóns e armas.
4
Xesús, sabendo todas as cousas que virían sobre El saíu e díxolles: -A quen buscades?
5
Eles respondéronlle: -A Xesús Nazareno. El díxolles: -Eu Son. E Xudas, o que o traizoaba, estaba con eles.
6
E cando El lles dixo: Eu son, recuaron e caeron en terra.
7
Xesús entón preguntoulles outra vez: -A quen buscades? E eles dixeron: -A Xesús Nazareno.
8
Respondeu Xesús: -Díxenvos que Eu Son; daquela, se me buscades a min, deixade ir a estes;
9
para que se cumprira a palabra que dixera:
"Dos que me deches, non perdín ningún".
10
Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, sacouna e feriu o servo do sumo sacerdote, e cortoulle a orella dereita. O servo chamábase Malco.
11
Xesús entón díxolle a Pedro: -Envaíña a espada. A copa que o Pai me deu, acaso non a hei beber?
12
Entón a tropa romana, o comandante e os oficiais dos xudeus prenderon a Xesús e atárono,
13
e levárono primeiro ante Anás, porque era sogro de Caifás, que era sumo sacerdote ese ano.
14
E Caifás era o que aconsellara aos xudeus que conviña que un home morrese polo pobo.
15
E Simón Pedro seguía a Xesús, e tamén outro discípulo. Este discípulo era coñecido do sumo sacerdote, e entrou con Xesús ao patio do sumo sacerdote,
16
pero Pedro estaba fóra, á porta. Así que o outro discípulo, que era coñecido do sumo sacerdote, saíu e falou á porteira, e fixo entrar a Pedro.
17
Entón a criada que coidaba a porta dixo a Pedro: -Non es ti tamén un dos discípulos deste home? E díxolle: -Non o son.
18
E os servos e os oficiais estaban de pé quentándose xunto unhas brasas que encenderan porque ía frío; e Pedro estaba a quentarse alí de pé con eles.
19
Entón o sumo sacerdote interrogou a Xesús sobre os seus discípulos e as súas ensinanzas.
20
Xesús respondeulle: -Eu faleille ao mundo abertamente, sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e nada falei en segredo.
21
Por que me preguntas a min? Pregúntalles os que escoitaron o que falei; velaí, estes saben o que dixen.
22
Cando dixo isto, un dos oficiais alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo: -Así lle respondes ao sumo sacerdote?
23
Xesús respondeulle: -Se falei mal, dá testemuño do que falei mal; pero se falei ben, por que me bates?
24
Anás mandouno atado a Caifás, o sumo sacerdote.
25
Simón Pedro estaba de pé, quentándose; entón dixéronlle: -Non es ti tamén un dos seus discípulos? El negouno e dixo: -Non o son.
26
Un dos servos do sumo sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, dixo: -Non te vin eu no xardín con El?
27
E Pedro negouno outra vez, e nese intre cantou un galo.
28
De seguida levaron a Xesús dende a casa de Caifás ao Pretorio. Era pola mañá cedo. E eles non entraron no Pretorio para non se contaminar e poder comer a Pascua.
29
Pilato entón saíu fóra cara eles e díxolles: -Que acusación traedes contra este home?
30
Eles respondéronlle: -Se este home non fose malfeitor, non cho teriamos traído.
31
Entón Pilato díxolles: -Levádeo vós e xulgádeo conforme a vosa lei. Os xudeus dixéronlle: -Non se nos permite dar morte a ninguén.
32
(Para que se cumprira a palabra que Xesús falara, dando a entender de que morte ía morrer).
33
Entón Pilato volveu entrar no Pretorio, e chamou a Xesús e díxolle: -Es ti o Rei dos xudeus?
34
Xesús respondeu: -Isto dilo pola túa conta ou porque outros cho dixeron de min?
35
Pilato respondeu: -Acaso son eu xudeu? A túa nación e os principais sacerdotes entregáronte a min. Que fixeches?
36
Xesús respondeu: -O meu reino non procede deste mundo. Se o meu reino procedese deste mundo, entón os meus servidores pelexarían para que Eu non fose entregado aos xudeus; porén o meu reino non procede de aquí.
37
Pilato entón díxolle: -Así que ti es rei? Xesús respondeu: -Ti dis que son rei. Para isto nacín e para isto vin ao mundo, para dar testemuño da verdade. Todo o que é da verdade escoita a miña voz.
38
Pilato preguntoulle: -Que é a verdade? E dicindo isto, saíu outra vez cara os xudeus e díxolles: eu non atopo ningún delito nel.
39
Pero é costume entre vós que vos solte un na Pascua. Queredes, pois, que vos solte o Rei dos xudeus?
40
Entón berraron outra vez dicindo: a este non, senón a Barrabás! E Barrabás era un bandido.