1
Xesús falou estas cousas, e levantando os ollos ao ceo, dixo: -Pai, a hora chegou; glorifica o teu Fillo, para que o Fillo te glorifique a ti,
2
como lle deches autoridade sobre toda carne para que dea vida eterna a todos os que ti lle deches.
3
E esta é a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a Xesús Cristo, a quen mandaches.
4
Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches para facer.
5
E agora glorifícame ti, Pai, xunto a ti, coa gloria que tiña contigo antes que o mundo existira.
6
Manifestei o teu nome a aqueles que do mundo me deches; eran teus e déchesmos, e gardaron a túa palabra.
7
Agora coñeceron que todo o que me deches vén de ti,
8
porque Eu deilles as palabras que me deches; e recibíronas, e entenderon que en verdade saín de ti, e creron que ti me mandaches.
9
Eu rogo por eles; non rogo polo mundo, senón polos que me deches; porque son teus;
10
e todo o meu é teu, e o teu, meu; e fun glorificado neles.
11
Xa non estou no mundo, pero eles si están no mundo, e Eu vou a ti. Pai santo, gárdaos no teu nome, o nome que me deches, para que eles sexan un, así como somos nós.
12
Cando estaba con eles, gardábaos no teu nome, o nome que me deches; gardeinos e ningún se perdeu, agás o fillo de perdición, para que a Escritura se cumprira.
13
Pero agora vou a ti; e digo estas cousas no mundo para que teñan o meu gozo pleno en si mesmos.
14
Eu deilles a túa palabra e o mundo aborreceunos, porque non son do mundo, como tampouco Eu son do mundo.
15
Non che rogo que os tires do mundo, senón que os gardes do maligno.
16
Eles non son do mundo, como tampouco Eu son do mundo.
17
Santifícaos na verdade; a túa palabra é verdade.
18
Coma ti me mandaches ao mundo, Eu tamén os mandei ao mundo.
19
E por eles santifícome, para que eles tamén sexan santificados na verdade.
20
Mais non rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra deles,
21
para que todos sexan un coma ti, Pai, estás en min e Eu en ti, que tamén eles estean en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches.
22
Deilles a gloria que me deches, para que sexan un, así como nós somos un:
23
Eu neles e ti en min, para que sexan perfeccionados en unidade, para que o mundo saiba que ti me mandaches, e que os amaches así como me amaches a min.
24
Pai, quero que os que me deches, estean comigo onde Eu estou, para que vexan miña gloria, a gloria que me deches; porque me amaches dende antes da fundación do mundo.
25
Pai xusto, aínda que o mundo non te coñeceu, Eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches.
26
Eu deilles a coñecer o teu nome, e dareino a coñecer, para que o amor con que me amaches estea neles e Eu neles.