1
Despois disto, Xesús manifestouse outra vez aos discípulos xunto ao mar de Tiberias e manifestouse deste xeito:
2
estaban xuntos Simón Pedro, Tomás chamado Dídimo, Natanael de Caná de Galilea, os fillos de Zebedeo e outros dous dos seus discípulos.
3
Simón Pedro díxolles: -Vou pescar. Eles dixéronlle: -Tamén imos nós contigo. Foron e entraron no bote, e aquela noite non pescaron nada.
4
No abrente do día, Xesús estaba na praia; pero os discípulos non sabían que era Xesús.
5
Entón Xesús díxolles: -Fillos, non teredes algún peixe? Respondéronlle: -Non.
6
E El díxolles: -Botade a rede ao lado dereito do bote, e atoparedes peixes. Entón botárona, e non podían sacala porque había gran cantidade de peixes.
7
Entón aquel discípulo a quen Xesús amaba, díxolle a Pedro: -É o Señor! Sentindo, pois, Simón Pedro que era o Señor, vestiuse ( porque tirara a roupa para poder traballar), e botouse ao mar.
8
Pero os outros discípulos viñeron no bote, porque non estaban lonxe de terra, senón a uns cen metros, arrastrando a rede chea de peixes.
9
Entón, cando baixaron a terra, viron as brasas xa postas, e un peixe colocado nelas, e pan.
10
Xesús díxolles: -Traede algúns dos peixes que pescastes agora.
11
Simón Pedro subiu ao bote, e sacou a rede para a terra, chea de peixes grandes, cento cincuenta e tres; e aínda que había tantos, a rede non rachou.
12
Xesús díxolles: -Vide e almorzade. Ningún dos discípulos se atreveu a preguntarlle: -Quen vés sendo? Sabendo que era o Señor.
13
Xesús veu, tomou o pan e deullelo; e fixo igual co peixe.
14
Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos discípulos, resucitado dos mortos.
15
Entón, cando remataron o almorzo, Xesús dixo a Simón Pedro: -Simón, fillo de Xoán, ámasme máis ca estes? Pedro díxolle: -Si Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: -Alinda os meus cordeiros.
16
E volveulle dicir por segunda vez:-Simón, fillo de Xoán, ámasme? Pedro díxolle: -Si Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: -Pastorea as miñas ovellas.
17
Díxolle por terceira vez: -Simón, fillo de Xoán, quéresme? Pedro entristeceu porque na terceira vez díxolle: quéresme? E respondeulle: -Señor ti sábelo todo; ti sabes que te quero. Xesús díxolle: -Alinda as miñas ovellas.
18
Dígoche en verdade, cando eras máis novo, vestíaste e andabas por onde querías; pero cando sexas vello, estenderás as mans e outro hate vestir, e levarate onde non queiras.
19
Isto díxoo, dando a entender o tipo de morte con que Pedro glorificaría a Deus. E despois de dicir isto díxolle: -Sígueme.
20
Pedro, virándose, viu que os seguía o discípulo a quen Xesús amaba, o que na cea se recostara sobre o peito de Xesús e dixera: Señor, quen é o que te vai entregar?
21
Entón Pedro ao velo dixo a Xesús: -Señor, e este que?
22
Xesús díxolle: -Se Eu quero que el quede ata que Eu veña, a ti que? Ti, sígueme.
23
Por iso correu entre os irmáns o conto de que o discípulo non morrería; pero Xesús non lle dixo que non morrería, senón: se Eu quero que se quede ata que Eu veña, a ti que?
24
Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que escribiu isto, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro.
25
Hai tamén moitas outras cousas que Xesús fixo, que se se escribiran polo miúdo, penso que os libros que se habían escribir non caberían nin en todo o mundo.