1
De onde veñen as guerras e as pelexas entre vós? Non será dos malos desexos que tedes dentro e que pelexan nos vosos corpos?
2
Codiciades e non tedes, entón sodes capaces de matar; ardedes de envexa, e non logrades nada; loitades e seguides a guerrear; non tedes o que desexades porque non pedides;
3
pedides e non recibides, porque malamente pedides, só para gastardes naquilo que cobizades.
4
Adúlteros! Non sabedes que a amizade co mundo é inimizade con Deus? Daquela o que queira ser amigo do mundo faise inimigo de Deus.
5
Ou pensades que a Escritura fala de balde cando di: "O Espírito que El puxo en nós ten por nós unha profunda arela"?
6
Pero El dá maior graza, polo que di: "Deus resiste os soberbios, e dá graza aos humildes".
7
Polo tanto sometédevos a Deus, e resistide o demo, e el fuxirá de vós!
8
Achegádevos a Deus, e El achegarase a vós. Limpade as vosas mans, pecadores, e purificade os corazóns os que sodes de dobre ánimo.
9
Aflixídevos, laiádevos, e chorade, que a vosa argallada se converta en pranto e o voso sorriso en tristura!
10
Humilládevos diante do Señor, e El vos ha engrandecer!
11
Non faledes mal uns dos outros, irmáns. O que fala mal do irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da lei e mesmo xulga a lei; e se estás a xulgar a lei, non estás a cumprila senón que es o xuíz.
12
Só hai un que é Lexislador e Xuíz, o único que é quen de salvar e destruír; mais ti quen es para xulgar o teu próximo?
13
Vinde agora os que dicides: hoxe ou mañá iremos a tal cidade, ficaremos alí un ano e negociaremos e faremos moitos cartos.
14
Porque non sabedes o que vai ser de vós mañá. Pois, que é a vosa vida? Sodes coma bruma que xurde por un intre e pouco despois esvaece.
15
Pola contra, deberiades dicir: se o Señor quere, viviremos e faremos isto ou aquilo!
16
Pero agora gabádesvos na vosa fachenda, e toda xactancia semellante é mala.
17
Daquela o que sabe facer o bo e non o fai, está a pecar.