1
Meus irmáns, non desexedes moitos de vós serdes mestres, sabendo que recibiremos un maior xuízo.
2
Porque todos nós ofendemos moitas veces. Se algún non ofende coas súas palabras, é un home perfecto que pode controlar o seu corpo enteiro.
3
Nós poñemos freo na boca dos cabalos para que nos obedezan e así poder dirixir o seu corpo enteiro.
4
Mirade tamén os barcos, que sendo tan grandes son levados polos fortes ventos, e son gobernados por un pequeno temón onde queira dirixilo o temoneiro.
5
Do mesmo xeito a lingua é unha pequena parte do corpo que presume de moitas cousas. Mirade como un lume tan pequeno pode queimar un bosque tan grande!
6
A lingua é un lume, un mundo de pecado; a lingua está entre os nosos membros e contamina todo o corpo, e fai arder a nosa vida cando é prendida polo mesmo inferno.
7
Porque os animais salvaxes, aves, réptiles e seres mariños poden ser domados polas persoas;
8
pero ninguén é quen de domar a lingua, pois é maligna e incontrolable, chea de veleno mortal.
9
Con ela bendicimos o noso Señor e Pai, e con ela maldicimos ás persoas, que foron feitas a imaxe de Deus.
10
Da mesma boca sae bendición e maldición. Meus irmáns, isto non debera ser así.
11
Pode abrollar á vez unha fonte auga doce e auga amarga?
12
Meus irmáns, pode a figueira dar olivas ou a vide figos? Tampouco do salgado pode brotar o doce.
13
Quen é sabio e entendido entre vós? Que amose pola súa boa conduta as obras feitas con mansa sabedoría.
14
Pero se tedes celos amargos e rivalidade nos vosos corazóns, non sexades presumidos nin mintades contra a verdade.
15
Esta sabedoría non vén de arriba, senón que é terreal, natural e diabólica!
16
Porque onde hai celos e ambición hai desorde, confusión e todo tipo de cousa perversa.
17
Pero a sabedoría do alto primeiro é pura, logo pacífica, amable, disposta a razoar, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial e sen hipocrisía.
18
E o froito da xustiza seméntase en paz para os que fan a paz.