Capítulo 2

1 Meus irmáns, non teñades favoritismos na fe de Xesús Cristo, o Señor da gloria. 2 Porque se na vosa sinagoga entra un home cun anel de ouro e vestido con roupa fina, e tamén entra un home pobre con farrapos, 3 e dades atención especial ao que vai engalanado, dicíndolle: "ti senta aquí, nun lugar cómodo"; e lle dicides ao pobre: "ti, fica alí de pé ou senta xunto aos meus pés"; 4 non estades a facer distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces con malas intencións? 5 Escoitade meus irmáns, non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do reino que El prometeu a todos os que o aman? 6 Mais vós menospreciastes o pobre! Non son os ricos os que vos oprimen e vos arrastran aos tribunais? 7 Non son eles mesmos os que blasfeman o precioso nome que foi invocado sobre vós? 8 Con todo se de verdade cumprides a lei real, de acordo coa Escritura: "Amarás o teu próximo coma a ti mesmo", ben facedes. 9 Pero se favorecedes a certas persoas, pecades e sodes considerados transgresores pola lei. 10 Porque o que obedece toda a lei pero tropeza nunha soa cousa, faise culpable de todas. 11 Pois o que dixo: "Non cometas adulterio", tamén dixo: "Non mates". Agora ben, se ti non cometes adulterio, pero matas, vés ser transgresor da lei. 12 Falade e facede así, como os que han ser xulgados pola lei da liberdade. 13 Porque o xuízo será sen misericordia para o que non amosou misericordia; a misericordia triunfa sobre o xuízo! 14 Meus irmáns, de que serve se algún di que ten fe pero non ten obras? Pode salvalo esa fe? 15 Se un irmán ou unha irmá non teñen que poñer e carecen do sustento diario, 16 e un de vós lles di: Ide en paz, quentádevos e saciádevos; pero non lles dades o necesario para o seu corpo, de que serve? 17 Así tamén, a fe por si mesma, se non ten obras, está morta. 18 Mais algún dirá: "Ti tes a fe e eu teño as obras. Amósame a túa fe sen obras, e eu heiche amosar a miña fe polas miñas obras". 19 Ti cres que Deus é un, fas ben; tamén os demos cren, e tremen. 20 Pero es ti tan necio que non queres recoñecer que a fe sen obras non serve para nada? 21 Non foi xustificado o noso pai Abraham polas obras, cando ofreceu a Isaac, o seu fillo, sobre o altar? 22 Xa ves que a fe actuaba xunto coas súas obras, e como resultado das obras, a fe foi perfeccionada, 23 cumpríndose o que a Escritura di: "Abraham creu a Deus, e foille contado por xustiza e foi chamado amigo de Deus". 24 Vedes que unha persoa é xustificada polas obras, e non só pola fe. 25 Do mesmo xeito, non foi xustificada tamén a prostituta Rahab polas obras cando recibiu os mensaxeiros e os mandou por outro camiño? 26 Porque así como o corpo sen o espírito está morto, así tamén a fe sen obras está morta.