Capítulo 5

1 Imos agora, ricos! Chorade e berrade polas miserias que vos veñen enriba! 2 A vosa riqueza apodrentou e as vosas roupas foron comidas pola traza. 3 O voso ouro e a vosa prata perderon o seu valor e a súa corrosión testemuñará contra vós e consumirá os vosos corpos coma lume. Vós acumulastes os vosos tesouros para os derradeiros días! 4 Mirade, como clama contra vós a paga que, con engano, deixastes de pagar aos labregos que colleitaban as vosas terras, e o pranto dos que colleitaban chegou aos oídos do Señor dos exércitos! 5 Aquí na terra levastes unha vida de luxo, e adicástesvos á gran vida, cebastes os vosos corazóns para o día da matanza. 6 Condenastes e matastes o xusto, sen que el vos fixera resistencia. 7 Polo tanto, irmáns, tende paciencia ata a vinda do Señor. Mirade como o labrego agarda pacientemente polo precioso froito da terra, ata recibir a choiva de cedo e de tarde. 8 Vós tamén sede pacientes; afirmade os vosos corazóns, porque a vinda do Señor está preto. 9 Irmáns, non vos queixedes uns dos outros, para que non sexades xulgados; mirade que o Xuíz está ás portas. 10 Irmáns, tomade como exemplo de sufrimento e de paciencia os profetas que falaron no nome do Señor. 11 Nós temos por felices os que aturaron todo. Oístes da paciencia de Xob e vistes o propósito do Señor, porque o Señor é compasivo e moi misericordioso. 12 Mais, ante todo, meus irmáns, non xuredes, nin polo ceo, nin pola terra, nin por ningunha outra cousa; o voso si sexa si e o voso non sexa non, para que non sexades acusados. 13 Hai algún entre vós sufrindo? Que ore. Hai algún ledo? Que cante loanzas. 14 Hai algún entre vós enfermo? Que chame os anciáns da igrexa para que oren por el unxíndoo con aceite no nome do Señor. 15 E a oración de fe salvará o enfermo e o Señor levantarao; e se pecou, os seus pecados serán perdoados. 16 Confesádevos mutuamente os vosos pecados, e orade uns polos outros, para que sexades sandados. A oración eficaz do xusto ten moito poder. 17 Elías era unha persoa coas mesmas fraquezas que nós, e orou con paixón para que non chovera e non caeu nin gota por tres anos e medio. 18 E orou de novo e o ceo deu choiva e a terra produciu os seus froitos. 19 Meus irmáns, se alguén de vós se desencamiña da verdade e outro o trae de volta, 20 saiba que quen fai volver a un pecador do extravío do seu camiño, salvará a súa alma da morte e cubrirá multitude de pecados.