1
Pero debes saber o seguinte: nos derradeiros días virán tempos difíciles;
2
porque as persoas serán amantes de si mesmas, avarentas, fachendosas, soberbias, maldicentes, rebeldes contra os pais, desagradecidas, irreverentes,
3
sen afecto natural, inflexibles, calumniadoras, descontroladas, crueis, inimigas do bo,
4
traidoras, temerarias, envaidecidas e amantes dos praceres en vez de amar a Deus.
5
Terán apariencia de piedade, pero arrenegarán do poder dela. Fuxe de xente así.
6
Porque coma estes son os que entran nas casas ás agachadas e toman cativas ás mulleriñas ateigadas de pecados, levadas por diferentes paixóns;
7
que están sempre aprendendo, pero nunca poden chegar ao coñecemento da verdade.
8
E do mesmo xeito que Ianes e Iambres resistiron a Moisés, así tamén estes se arrepoñen contra a verdade; xente de mente estragada e fracasada na fe.
9
Pero non irán lonxe, porque a súa tolería faráselles manifesta a todos, como tamén o foi a daqueles.
10
En troques ti seguiches de preto o meu ensino, o meu xeito de vivir, o meu propósito, a miña fe, o meu aguante con todos, o meu amor, a miña paciencia,
11
as persecucións e os sufrimentos, coma os que aturei en Antioquía, en Iconio e Listra; como os padecementos que sufrín, e de todos eles me librou o Señor.
12
Si, todos os que queiran vivir dun xeito piadoso en Xesús Cristo, padecerán persecución.
13
Pola súa banda, a xente mala e estafadora irá de mal en peor, enganando e sendo enganados.
14
Pero ti mantente no que aprendiches e no que fuches persuadido, sabendo de quen aprendiches,
15
xa que dende neno coñeces as Sagradas Escrituras, que poden facerte sabio na salvación que hai pola fe en Xesús Cristo.
16
Toda Escritura é inspirada por Deus, e é útil para ensinar, para rebater os enganos, para emendar, e para instruír na xustiza,
17
de xeito que as persoas de Deus sexan completamente cualificadas e competentes para toda boa obra.