1
Polo tanto, ti, meu fillo, sé fortalecido coa graza que hai en Cristo Xesús.
2
As cousas que escoitaches de min en presenza de moitas testemuñas, encárgallelas a persoas de confianza que sexan capaces de ensinar tamén a outras.
3
Comparte sufrimentos coma un bo soldado de Cristo Xesús.
4
Ningún soldado se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer a aquel que o chamou a filas.
5
Tamén se algún compite como atleta, non leva o premio se non compite de acordo ás normas.
6
O labrego que traballa duro, é o primeiro en participar dos froitos.
7
Medita ben no que che digo, porque o Señor hache dar entendemento en todo.
8
Lémbrate de Xesús Cristo, da semente de David, resucitado de entre os mortos segundo o meu evanxeo;
9
polo que estou a sufrir penalidades na cadea coma se fose un criminal; pero a palabra de Deus non está encadeada.
10
Por iso soporto tódalas cousas, por amor dos escollidos, para que eles tamén acaden a salvación que hai en Cristo Xesús con gloria eterna.
11
De toda confianza é esta palabra: se morremos con El, tamén viviremos con El;
12
se perseveramos, tamén reinaremos con El; se arrenegamos del, El tamén nos ha negar;
13
se nós somos infieis, El permanece fiel, porque non pode arrenegar de si.
14
Lémbralles estas cousas, declarándolles solemnemente diante de Deus que non discutan sobre palabras, porque iso non vale para nada, senón para botar a perder os que escoitan.
15
Procura con presteza presentarte diante de Deus aprobado, obreiro que non ten de que sentir vergoña, que interpreta, expón e aplica correctamente a palabra da verdade.
16
Pero evita as lerias profanas, porque producirán que a maldade medre máis;
17
e a palabra deles corroerá coma gangrena; como son Himeneo e Fileto,
18
que se afastaron da verdade dicindo que a resurrección dos mortos xa aconteceu, co que están botando a perder a fe dalgúns.
19
Con todo, o fundamento de Deus mantense firme, levando este selo: o Señor coñece os que son del: todo o que pronuncia o nome do Señor que se aparte da inxustiza!
20
Pero nunha casa grande, non hai soamente cuncas de ouro e prata, senón tamén de madeira e barro; unhas para uso nobre, e outras para uso común.
21
Polo tanto, se un se limpa desas cousas, será un vaso honorable, santificado, útil para o seu Señor, preparado para toda boa obra.
22
Fuxe das paixóns da mocidade e persegue a xustiza, a fe, o amor e a paz, con todos os que de corazón limpo invocan o Señor.
23
Pero evita as discusións necias e parvas, sabendo que enxendran liortas.
24
Porque un servo do Señor non debe ser conflitivo senón amable con todos, axeitado para ensinar, tolerante;
25
que saiba corrixir a aqueles que se opoñen; que o faga con mansedume por se acaso Deus lles conceda o arrepentimento que leva ao coñecemento total da verdade,
26
e volvan en si, fuxindo das trapelas do demo nas que están cativos para facer o que el quere.