1
Mándoche solemnemente na presenza de Deus e de Cristo Xesús, que ha xulgar a vivos e a mortos na súa vinda e no seu reino:
2
pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo. Corrixe, aconsella e reprende con toda paciencia e doutrina.
3
Porque chegarán os tempos cando non soportarán a doutrina sa, senón que sentindo coceira de ouvir, amorearán para si mestres conforme aos seus propios antollos;
4
afastarán o seu ouvido da verdade, e descamiñaranse polo terreo das fábulas.
5
Pero ti sé sobrio en todo, soporta os sufrimentos, fai obra de evanxelista, cumpre o teu ministerio.
6
Porque eu estou para ser derramado coma libación, e o tempo do meu pasamento é inminente.
7
Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira e gardei a fe.
8
Polo demais, está reservada para min a coroa da xustiza, aquela que o Señor Xuíz xusto me ha entregar naquel día; e non só a min, senón tamén a todos os que demostraron amar a súa vinda.
9
Procura vires axiña,
10
porque Demas, amando este mundo presente, marchou a Tesalónica e deixoume desamparado, Cresente foi a Galacia, e Tito a Dalmacia.
11
Só Lucas ficou comigo. Recolle a Marcos e tráeo contigo, porque me é moi útil para o ministerio,
12
pois a Tíquico mandeino a Éfeso.
13
Cando veñas, tráeme o capote que deixei onda Carpo en Troas, xunto cos rolos, maiormente os pergamiños.
14
Alexandre, o latoeiro, fíxome moito mal; o Señor daralle o pago conforme as súas obras.
15
Gárdate ti tamén del, pois opúxose en gran maneira ás nosas palabras.
16
Na miña primeira defensa ninguén estivo ao meu carón, senón que todos me abandonaron; que non se lles teña en conta!
17
Pero o Señor axudoume e fortaleceume, para que a través de min fora cumprida a predicación e a escoitaran todos os xentís, e fun librado da boca do león.
18
Do mesmo modo o Señor me ha librar de toda obra mala e me ha protexer para o seu reino celestial. A El sexa a gloria polos séculos dos séculos. Amén.
19
Saúda a Prisca e a Aquila, e á familia de Onesíforo.
20
Erasto ficou en Corinto, e Trófimo quedou enfermo en Mileto.
21
Fai o posible para vires antes do inverno. Mándanche saúdos para ti Eubulo, Pudente, Lino e Claudia, ademais de tódolos irmáns. O Señor sexa co teu espírito.
22
A graza sexa convosco.