1
Vede tan grande amor que nos deu o Pai para nos chamarmos fillos de Deus! E de feito sómolo! Por iso o mundo non nos coñece, porque tampouco o coñeceu a El.
2
Meus amados, agora somos fillos de Deus, pero aínda non se manifestou todo o que chegaremos ser, mais sabemos que cando El sexa manifestado seremos semellantes a El porque o veremos tal como El é.
3
Todo o que ten esta esperanza posta nel purifícase a si mesmo, como El é puro.
4
Todo o que practica o pecado, tamén está infrinxindo a lei, porque o pecado infrinxe a lei.
5
E vós sabesdes que El se manifestou a fin de quitar os pecados, e nel non hai pecado.
6
Todo o que permanece nel non lle dá por pecar; aquel que continúa pecando non o viu nin o coñeceu.
7
Filliños, que ninguén vos engane; o que practica a xustiza é xusto, así como El é xusto.
8
O que practica o pecado vén do demo, pois el peca dende o comezo. Por isto foi manifestado o Fillo de Deus, para destruír as obras do demo.
9
Todo o que naceu de Deus non practica o pecado, porque a semente de Deus permanece nel e non pode pecar pois naceu de Deus.
10
Nisto son recoñecidos os fillos de Deus e os fillos do demo: todo o que non practica a xustiza non é de Deus, tampouco aquel que non ama a seu irmán.
11
Porque esta é a mensaxe que escoitastes dende o comezo: que nos amemos uns aos outros.
12
Non como Caín que era do maligno e matou a seu irmán. E por que o asasinou? Porque os seus feitos eran malos e os do seu irmán xustos.
13
Irmáns, non vos asombredes se o mundo vos aborrece.
14
Nós sabemos que pasamos da morte á vida, porque amamos os nosos irmáns; quen non ama, permanece na morte.
15
Quen odia a seu irmán é un asasino, e sabedes que a vida eterna non permanece en ningún asasino.
16
Nisto temos coñecido o amor: en que El puxo a súa vida por nós; e nós tamén debemos dar a nosa vida polos nosos irmáns.
17
Pero quen teña bens neste mundo e vexa a seu irmán pasar necesidade, e non ten compaixón del, como ha vivir o amor de Deus nel?
18
Meus fillos queridos, non amemos de palabra nin de lingua, senón con feitos e verdade.
19
Deste modo sabemos que somos da Verdade, e así afirmaremos o noso corazón diante del:
20
pois se o noso corazón nos acusa, Deus é maior ca o noso corazón, e El coñece tódalas cousas.
21
Meus queridos, se o noso corazón non nos acusa, temos confianza en Deus
22
e todo o que lle pedimos podemos recibilo, porque gardamos os seus mandamentos e facemos o que lle agrada.
23
Este é o seu mandamento: que creamos no nome do seu Fillo Xesús Cristo e nos amemos uns aos outros, como El nos mandou.
24
E aquel que garda os seus mandamentos permanece nel, e Deus ten parte con el; e nisto sabemos que El permanece en nós, polo Espírito que nos deu.