1
Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes, pero se algún peca, temos un Avogado diante do Pai, Xesús o Mesías, o Xusto.
2
El é a propiciación polos nosos pecados, e non só polos nosos, senón tamén polos de todo o mundo.
3
Nisto sabemos que o coñecemos: se gardamos os seus mandamentos.
4
Aquel que di: "eu coñezo a Deus" pero non cumpre os seus mandamentos, é mentireiro e a verdade non está nel;
5
pero o que obedece a súa palabra, verdadeiramente nel perfeciónase o amor de Deus; esa é a proba de que estamos nel.
6
Quen di que permanece nel, ten que vivir como Xesús viviu.
7
Amados, non vos escribo un mandamento novo, senón un mandamento antigo, o que xa tiñades dende o comezo: ese mandamento antigo é a palabra que escoitastes.
8
Con todo, escríbovos un mandamento novo, que é verdadeiro en Cristo e en nós, porque as tebras vanse alonxando e a luz verdadeira está a brillar.
9
O que asegura estar na luz e aborrece a seu irmán, aínda vive nas tebras.
10
Quen ama a seu irmán permanece na luz e non hai tropezo nel;
11
pero quen odia a seu irmán, aínda está na escuridade e camiña nas tebras sen saber onde vai, porque a escuridade cegoulle os ollos.
12
Escríbovos a vós, meus fillos porque os vosos pecados foron perdoados por mor do seu nome.
13
Escríbovos, pais, porque coñecestes a Aquel que é dende o comezo. Mozos, escríbovos porque vencestes o Maligno. Fillos, escríbovos porque coñecestes ao Pai.
14
Pais, escríbovos porque coñecestes ao que é dende o comezo. Mozos, dígovolo polo tanto, a vós, que sodes valentes e a palabra de Deus permanece en vós, e porque vencestes o Maligno.
15
Non amedes o mundo nin as cousas que están no mundo. Se alguén ama o mundo, o amor do Pai non está nel.
16
Porque todo o que hai no mundo: o querer satisfacer os nosos malos desexos, a cobiza de querer ter todo o que vemos e a soberbia da vida, non vén do Pai, senón do mundo.
17
E o mundo e os seus desexos pasan, pero o que fai a vontade de Deus, permanece para sempre.
18
Filliños, estamos na hora derradeira, e como escoitastes, o anticristo vén; dese mesmo xeito xurdiron moitos anticristos, por iso coñecemos que esta é a hora derradeira.
19
Saíron de nós, pero non eran dos nosos, porque se fose así habían quedar connosco; pero saíron para que soubésemos que non todos son dos nosos.
20
Pero vós tedes a unción do Santo, e todos o sabedes.
21
Non vos escribín porque non coñezades a verdade, senón porque a coñecedes, e porque ningunha mentira vén da verdade.
22
Quen é o mentireiro, senón o que nega que Xesús é o Mesias? Este é o anticristo, aquel que nega o Pai e mailo Fillo.
23
Todo aquel que nega o Fillo, tampouco ten o Pai. Aquel que confesa o Fillo si ten tamén o Pai.
24
O que coñecedes dende o comezo é o que debe permanecer en vós. Se o que oístes dende o comezo permanece en vós, tamén vós permaneceredes no Fillo e no Pai.
25
Porque esta é a promesa que El nos deu: a vida eterna.
26
Escríbovos todo isto para que vos coidedes ben dos que vos queren enganar.
27
Pero en canto a vós, a unción que El vos deu permanece en vós e non precisades que ninguén vos ensine, senón que así como a súa unción vos ensina todas as cousas e é verdade e non é mentira, permanecede nel tal como vos ensinou.
28
E agora, meus fillos, permanecede nel para que cando El sexa manifestado teñamos confianza e non nos afastemos del, sendo avergoñados cando El volte.
29
Se sabedes que El é xusto, saberedes tamén que todo o que fai xustiza naceu del.