1
O que era dende o principio, o que escoitamos, o que vimos cos nosos propios ollos, aquilo que contemplamos e apalparon as nosas mans, a Palabra da vida;
2
porque a vida manifestouse e nós vímola e damos testemuño dela, e así vola anunciamos: a vida eterna que estaba co Pai e chegou a nós.
3
Anunciámosvos o que vimos e escoitamos, para que tamén vós teñades parte connosco, e ese compartir xuntos é verdadeiramente co Pai e co seu Fillo, Xesús Cristo.
4
Escribímosvos estas cousas para que a vosa alegría sexa cumprida.
5
Esta é a mensaxe que escoitamos del e que vos anunciamos: Deus é luz, e nel non hai tebras.
6
Se dicimos que temos parte con El e andamos nas tebras, mentimos e non practicamos a verdade.
7
Mais se andamos na luz, coma El está na luz, participamos uns cos outros e o sangue de Xesús, o seu Fillo, límpanos de todo pecado.
8
Se dicimos que non temos pecado, enganámonos a nós mesmos e a verdade non está en nós.
9
Se confesamos os nosos pecados, El é fiel e xusto para perdoar os nosos pecados e limparnos de toda maldade.
10
Se dicimos que non pecamos, estamos facendo a Deus mentireiro e a súa Palabra non está en nós.