Capítulo 45

1 Xosé xa non podía conterse a si mesmo ante todos os servintes que estaban onda el, e gritou: Saíde todos de aquí! Así que non quedou ningún servo xunto a Xosé cando se deu a coñecer aos seur irmáns. 2 Entón el chorou con moita forza, e oírono os exipcios e oíuno a casa de Faraón. 3 E Xosé díxolle aos seus irmáns: Eu son Xosé! Meu pai aínda vive? E os seus irmáns non puideron responderlle, porque estaban atónitos pola súa presenza. 4 Entón díxolles Xosé aos seus irmáns: "Achegádevos a min, por favor." Eles achegáronse e el díxolles: "Eu son o voso irmán Xosé, a quen vós vendestes a Exipto. 5 Agora ben, non desacouguedes nin vos enoxedes con vós mesmos por terme vendido aquí, pois Deus envioume diante de vós para preservar a vida. 6 Porque houbo xa dous anos de fame no medio desta terra, e quedan aínda cinco anos nos que non haberá nin sementeira nin sega. 7 Por iso Deus envioume diante vosa, para preservarvos un remanente nesta terra e para darvos vida por medio dunha gran liberación. 8 Así que non me enviastes vós aquí, senón Deus, e El púxome coma un pai para Faraón, e como señor da súa casa, e como gobernador de toda a terra de Exipto. 9 Dádevos présa, subide onda meu pai, e dicídelle: Deus púxome por señor de todo Exipto, baixa onda min, non te demores, 10 e habitarás na terra de Gosén, e estarás preto de min, ti e os teus fillos, e os fillos dos teus fillos, os teus rabaños e as túas vacadas, e todo o que tés. 11 Alí sustentareite, pois ainda quedan cinco anos máis de fame, para que non caias na miseria ti e a túa casa, e todo o que tés. 12 E por certo, os vosos ollos poden ver, e os ollos de meu irmán Benxamín, que é a miña boca a que vos fala. 13 Contarédeslle a meu pai todo o meu esplendor en Exipto e todo o que víchedes. Así que, dádevos présa e facede baixar aquí a meu pai! 14 Xosé abrazou ao seu irmán Benxamín e chorou, e Benxamín chorou abrazado a el. 15 E bicou a todos os seus irmáns, e chorou sobre eles. Despois os seus irmáns falaron con el. 16 As novas chegaron ata a casa de Faraón, onde se dixo: "Chegaron os irmáns de Xosé." Isto agradou a Faraón e aos seus servos. 17 E díxolle Faraón a Xosé: "Dille aos teus irmáns: Facede isto: Cargade as vosas bestas, e ide, e entrade á terra de Canaán. 18 Despois recollede a voso pai e as vosas familias, e vinde onda min, e dareivos o bo da terra de Exipto, e comeredes da abundancia do país. 19 Mándalles tamén: collede carros da terra de Exipto para os vosos pequenos e as vosas mulleres, e recollede a voso pai, e vinde. 20 Non vos preocupedes polas vosas posesións, porque o mellor de toda a terra de Exipto é voso. 21 E así fixeron os fillos de Israel. Xosé deulles carretas de acordo ao mandato de Faraón e provisións para a viaxe. 22 A todos eles deulles mudas de roupa, mais a Benxamín deulle trescentas pezas de prata e cinco mudas de roupa. 23 E ao seu pai envioulle isto: dez asnos cargados do mellor de Exipto, e dez asnas cargadas de trigo, e pan e comida, para o seu pai para o camiño. 24 Así que despediu aos seus irmáns e eles marcharon. E él díxolles: non rifedes polo camiño. 25 E subiron dende Exipto e chegaron á terra de Canaán onda Xacob o seu pai. 26 E déronlle as novas, dicindo: "Xosé vive aínda e é gobernante sobre toda a terra de Exipto." E o corazón de Xacob aflixiuse, porque non lles cría. 27 Eles contáronlle todo o que Xosé lles dixera, e cando Xacob viu os carros que Xosé enviaba para levalo, o seu espírito reviviu. 28 Entón Israel dixo: "Basta. Xosé o meu fillo aínda vive. Irei a velo antes de que eu morra."