1 2 Ao cabo de tres meses da saída dos fillos de Israel da terra de Exipto, naquel mesmo día, chegaron ao deserto de Sinaí. Saíran de Refidim e chegaron ao deserto de Sinaí, e acamparon no deserto. E alí, fronte ao monte, acampou Israel. 3 E Moisés subiu a Deus, e IaVeH chamouno desde o monte, dincindo: así lle dirás á casa de Xacobe e anunciaraslle á casa de Israel. 4 Vós vistes o que fixen aos exipcios e como vos tomei a vós sobre ás de águias e tróuxenvos a min. 5 Agora, se de veras escoitades a miña voz, e gardades o meu pacto, entón vós seredes para min posesión predilecta entre tódolos pobos, porque miña é todo a terra. 6 E vós seredes para min un reino de sacerdotes e unha nación santa. Estas son as palabras que dirás aos fillos de Israel. 7 Entón regresou Moisés, e chamou aos anciáns do pobo, e expuso en presenza deles todas as palabras que IaVeH lle mandara. 8 E todo o pobo respondeu á vez, e dixeron: todo o que IaVeH ordenou, iso faremos. E Moisés levoulle a IaVeH as palabras do pobo. 9 Entón IaVeH díxolle a Moisés: velaí eu veño a ti no espesor da nube, de modo que o pobo escoite mentres Eu falo contigo, e tamén confíen en ti para sempre. E Moisés contoulle as palabras do pobo a IaVeH. 10 E IaVeH díxolle a Moisés: vai onda o pobo, e santifícaos hoxe e mañá, e laven as súas roupas. 11 E estén preparados para o terceiro día, porque ao terceiro día descenderá IaVeH a ollos de todo o pobo sobre o Monte de Sinaí. 12 E porás lindeiros arredor do pobo, dicindo: gardádevos de subir ao monte e de tocar as súas lindes. Todo o que toque o monte, de seguro morrerá. 13 Non se poña nel a man, porque certamente será apedrado ou asaetado. Sexa animal ou home, non vivirá. Cando soe prolongadamente a trompeta subirán ao monte. 14 E baixou Moisés do monte ao pobo, e santificou ao pobo, e lavaron as súas ropuas. 15 E díxolle ao pobo: estade preparados para o terceiro día, non toquedes muller. 16 E aconteceu que ao terceiro día, cando viu a mañá, houbo tronos e lóstregos, e unha espesa nube sobre o monte, e un forte son de trompeta, e todo o pobo no campamento estremeceuse. 17 E Moisés fixo saír ao pobo desde o campamento para recibir a Deus, e puxéronse ao pé do monte. 18 Todo o monte Sinaí afumaba, porque IaVeH descendera sobre el en lume, e o fume ascendía coma o fume dun forno, e todo o monte estremecíase moitísimo. 19 O son da trompeta facíase cada vez máis forte. Moisés falaba, e Deus respondíalle con voz tronante. 20 E descendeu IaVeH sobre o monte Sinaí, sobre o cumio do monte. E chamou IaVeH a Moisés ao cumio do monte, e Moisés subiu. 21 IaVeH díxolle a Moisés: baixa, avisa ao pobo para que non traspasen os líndeiros para ver a IaVeH non vaian caer moitos deles. 22 E que tamén se santifiquen os sacerdotes que se achegan a IaVeH, para que IaVeH non faga estrago contra eles. 23 Díxolle Moisés a IaVeH: o pobo non pode subir ao monte porque ti avisáchesnos dicindo: delimita o monte e santifícao. 24 IaVeH díxolle: anda, baixa, e subirás ti e Aarón contigo, pero que os sacerdotes e o pobo non traspasen os lindeiros para subir a IaVeH, non sexa que faga estragos neles. 25 E Moisés baixou ao pobo e falou con eles.