1 Oiu Ietro, sacerdote de Madián, sogro de Moisés, tódalas cousas que Deus fixera por Moisés, e por Israel seu pobo, e como IaVeH sacara a Israel de Exipto. 2 E Ietro, sogro de Moisés, recibiu a Séfora, muller de Moisés (despois de ter sido ela enviada ao seu pai), 3 e a os seus dous fillos. O nome dun deles era Xersón, porque dixera: forasteiro fun en terra allea. 4 E o outro chamábase Eliezer, porque dixo: o Deus de meu pai axudoume, e libroume da espada de Faraón. 5 E Ietro o sogro de Moisés, cos fillos e a muller deste, viu onda Moisés no deserto, onde estaba acampado xunto ao monte de Deus. 6 E díxolle a Moisés: eu, o teu sogro Ietro, veño a ti coa túa muller os seus dous fillos con ela. 7 Entón Moisés saiu a recibir ao seu sogro, e inclinouse, e bicouno, e preguntáronse o un ao outro pola súa saúde, e entraron na tenda. 8 E Moisés contoulle ao seu sogro tódalas cousas que IaVeH fixera aos exipcios por amor de Israel, e todas as adversidades que lles aconteceran no camiño, e como os librara IaVeH. 9 E alegrouse Ietro de todo o ben que IaVeH fixera a Israel, que o librara da man dos exipcios. 10 E Ietro exclamou: Bendito IaVeH, que libroubos da man dos exipcios e da man do Faraón! Él librou ao pobo da man dos exipcios! 11 Agora coñezo que IaVeH é máis grande que todos os deuses, pois naquilo no que se ensoberbeceron Él prevaleceu contra eles. 12 Entón Ietro sogro de Moisés tomou holocaustos e sacrificios para Adonai. E chegou Aarón con todos os anciáns de Israel a comer pan co sogro de Moisés diante de Adonai. 13 E sucedeu que ao día seguinte sentouse Moisés a xulgar ao pobo, e o pobo estivo diante de Moisés dende a mañá até a tarde. 14 E viu o sogro de Moisés todo o que él facía para o pobo, e dixo: que é isto que fas co pobo? Por que te sentas ti só, e todo o pobo está diante de ti dende a mañá ata a tarde? 15 Moisés respondeulle ao seu sogro: porque o pobo ven a min para consultar a Deus. 16 Cando teñen un asunto, veñen a min, e eu xulgo entre un home e o seu veciño, e fágolles saber as ordenanzas de Deus e as súas leis. 17 Entón o sogro de Moisés díxolle: non está ben o que fas. 18 Vaste derrear, tanto ti coma o pobo que está contigo, porque é un traballo demasiado pesado para ti. Non poderás facelo ti só. 19 Escoita agora a miña voz, heite aconsellar, e Deus sexa contigo. Representa ti o pobo diante de Deus, e lévalle ti os asuntos a Deus. 20 Ensínalles as ordenanzas e as leis, e móstralles o camiño no que deben andar, e a obra que han de facer. 21 E escolle ti, de entre todo o pobo, homes capaces, temerosos de Deus, homes de confianza que aborrezan os subornos, e pon sobre o pobo xefes de miles, de centos, de cincuenta e de dez. 22 E eles xulgarán ao pobo en todo tempo, e traeranche a ti todo asunto grave, e eles xulgarán toda cuestión pequena. Así has aliviar a carga sobre ti, e eles compatirana contigo. 23 Se fas isto, e Deus así cho ordena, ti poderás sosterte e tamén todo este pobo poderá ir en paz ao seu lugar. 24 E escoitou Moisés a voz do seu sogro, e fixo todo o que lle dixo. 25 Entón escoulleu Moisés homes capaces de entre todo o pobo, e púxoos por cabeza sobre o pobo, xefes de miles, xefes de centos, xefes de cincuentas e xefes de decenas. 26 E xulgaron ao pobo en todo tempo. O asunto difícil traíanllo a Moisés e eles xulgaban o asunto pequeno. 27 E despediu Moisés ao seu sogro, e este foise a súa terra.