Capítulo 17

1 Toda a congregación dos fillos de Israel saiu do deserto de Sin, polas súas xornadas, conforme ao mandamento de IaVeH, e acamparon en Refidim, e non había auga para que o pobo bebera. 2 E disputou o pobo con Moisés, e dixeron: danos auga para que bebamos. E Moisés díxolles: por que disputades comigo? Por que tentades a IaVeH? 3 Así que o pobo tivo sede alí, e murmurou contra Moisés, e dixo: por que nos fixeches subir de Exipto para matarnos de sede a nós, aos nosos fillos e aos nosos gandos? 4 Entón clamou Moisés a IaVeH, dicindo: que farei con este pobo? Un pouco máis e hanme apedrear. 5 E IaVeH dixo a Moisés: pasa diante do pobo, e toma contigo dos anciáns de Israel, e toma tamén na túa man a túa vara coa que golpeaches o río, e vai. 6 Velaí eu estou diante de ti, alí no penedo de Horeb, e golpearás a rocha e sairán dela augas, así beberá o pobo. 7 E Moisés fíxoo así diante dos anciáns de Israel. E chamou o nome daquel lugar Masa e Meriba, polo altercado dos fillos de Israel, e porque tentaron a IaVeH, dicindo: está IaVeH entre nós ou non? 8 Entón viu Amalec e loitou contra Israel en Refidim. 9 E Moisés díxolle a Xosué: escolle para nós homes e sal loitar contra Amelec. Mañá eu estarei sobre o cumio do outeiro, e a vara de Deus estará na miña man. 10 E fixo Xosué como Moisés lle dixera para loitar contra Amalec, e Moisés e Aarón e Hur subiron ao cumio do outeiro. 11 E sucedeu que cando Moisés alzaba a súa man vencía Israel e cando baixaba a súa man vencía Amalec. 12 E as mans de Miosés cansábanse, polo que colleron unha pedra e puxérona debaixo del, e sentouse sobre ela, e Aarón e Hur sostíñanlle as máns, un por un lado e o outro polo outro lado. Así as súas mans estiveron firmes ata que se puxo o sol. 13 E Xosué venceu a Amalec e ao seu pobo a filo de espada. 14 E IaVeH dixo a Moisés: escribe isto para lembranza nun rolo, e dille a Xosué que raerei de todo a memoria de Amelec debaixo do ceo. 15 E Moisés edificou un altar e chamou o seu nome IaVeH Nisi. 16 E dixo: por canto a man de Amelec levantouse contra o trono de IaVeH, IaVeH terá guerra con Amelec de xeración en xeración.