Capítulo 13

1 Faloulle IaVeH a Moisés, dicindo: 2 consagra para min todo primoxénito que abra matriz entre os fillos de Israel, tanto dos homes coma dos animais, para min é. 3 E Moisés díxolle ao pobo: lembrade este día, no que saíchedes de Exipto, de casa de escravitude, pois IaVeH sacoubos dalí con man forte, polo que non habedes de comer nada levedado. 4 Vós saídes hoxe, no mes de Abib. 5 E cando IaVeH te meta na terra do cananeo, do heteo, do heveo e do xebuseo, terra que xurou aos teus pais que che daría a ti, terra da cal flúe leite e mel, vós faredes esta celebración neste mes. 6 Sete días comerás pan sen lévedo, e o sétimo día será festa a IaVeH. 7 Durante os sete días non se comerá nada con lévedo, nin se verá contigo cousa leudada nin lévedo en todo o teu territorio. 8 E aquel día explicaraslle ao teu fillo, dicindo: faise isto debido ao que IaVeH fixo por min cando saín de Exipto. 9 Isto será para ti un sinal sobre a túa man, e un recordatorio entre os teus ollos, para que a lei de IaVeH esté na túa boca, por canto con man forte sacouche IaVeH de Exipto. 10 Cumprirás esta ordenanza de ano en ano, no tempo sinalado. 11 E cando IaVeH te introduza na terra do cananeo, como che xurou a ti e aos teus pais, e cando cha entregue, 12 dedicarás todo o que abra matriz a IaVeH, e de entre os primoxénitos dos animais, os machos serán para IaVeH. 13 Mais todo primoxénito de burro redimirás cun año, e se non o redimes, québralle a caluga. Tamén redimirás a todo primoxénito home entre os teus fillos. 14 16 Cando mañá o teu fillo che pregunte, dicindo: que é isto? ti diraslle: "IaVeH sacounos con man forte de Exipto, de casa de escravitude. 15 Teimando Farón en non deixarnos marchar, IaVeH matou a todo primoxénito na terra de Exipto, dende o primoxénito do home até o primoxénito do animal. Por iso eu sacrifico a IaVeH tódolos machos que abren matriz, e redimo ao primoxénito dos meus fillos." Isto serache por sinal sobre a túa man, e por símbolo diante dos teus ollos, por canto IaVeH sacounos de Exipto con man forte. 17 Cando Faraón deixou marchar ao pobo, Deus non os levou polo camiño da terra dos filisteos, aínda que estaba preto, porque dixo Deus: non vaia ser que o pobo cambie de parecer cando vexa guerra e se volva a Exipto. 18 Así que Deus desviou ao pobo polo camiño do deserto cara o Mar Vermello, e os fillos de Israel subiron armados da terra de Exipto. 19 Moisés levou consigo os ósos de Xosé, pois este fixera xurar solemnemente aos fillos de Israel, dicindo: de certo Deus visitaravos e levarédesvos daquí os meus ósos convosco. 20 Saíron de Sucot e acamparon e Etam, ao borde do deserto. 21 E IaVeH ía diante deles: de día nunha columna de nube, para guialos polo camiño, e de noite nunha columna de lume, para alumealos, a fin de que camiñaran de día e de noite. 22 Nunca se apartou de diante do pobo a columna de nube de día nin a columna de lume de noite.