Capítulo 12
1
Faloulle Iaveh a Moisés e a Aarón na terra de Exipto, dicindo:
2
"Este mes é para vós comezo de meses, que sexa para vós o primeiro dos meses do ano.
3
Faládelle a toda a congregación de Israel, dicindo: "O día dez deste mes que cada quen colla un año, segundo as familias dos pais, un año por fogar.
4
E se a casa é pequena, entón collan un año el e o veciño máis preto á súa casa, segundo o número de persoas. Habedes dividir o año en función do que coma cada quen.
5
O cordeiro será sen defecto, un macho dun ano. Habédelo coller das ouvellas ou das cabras.
6
Gardarédelo até o día catorce deste mes, e toda a congregación o sacrificará á tardiña.
7
Despois habedes tomar do sangue e poñelo sobre as xambas e o dintel das casas no que o comades.
8
Esa noite comeredes a carne asada ao lume con pan sen lévedo; habédelo comer con herbas agres.
9
11
Non comades del nada cru nin fervido en auga, senón asado ao lume, coa cabeza, as patas e as entrañas.
10
Non deixaredes nada del para a mañá seguinte, e queimaredes no lume o que sobre del á mañá seguinte.
12
Pois pasarei naquela noite pola terra de Exipto, e ferirei a todo primoxénito na terra de Exipto, así dos homes como das bestas, e en tódolos deuses de Exipto traerei xuizo, eu IaVeH.
13
O sangue será para vós por sinal nas casas nas que estedes, e verei o sangue e pasarei sobre vós, e non haberá en vós praga de destrucción cando fira a terra de Exipto.
14
Este día será para vós día de lembranza, e habédelo celebrar como festa solemne para IaVeH durante as vosas xeracións, por estatuto perpetuo o celebraredes.
15
Sete días comeredes pans sen lévedo. Dende o o primeiro día faredes que non haxa levadura nas vosas casas, porque quen coma pan levedado dende o primeiro día até o sétimo, esa persoa será cortado de Israel.
16
O primeiro día haberá xuntanza santa, e tamén o sétimo día teredes xuntanza santa. Neses días non faredes traballo ningún, agás preparar cada quen o que vaia comer.
17
E celebraredes a festa dos pans sen lévedo, porque neste mesmo día saquei as vosas multitudes da terra de Exipto, polo que coidaredes de celebrar este días nas vosas xeracións por costume perpetuo.
18
No mes primeiro comeredes o pan sen lévedo, dende o día catorce do mes pola tarde ata o vinteún do mes pola tarde.
19
Durante sete días non se atopará lévedo nas vosas casas, porque calquera que comere pan levedado será cortado da comunidade de Israel, así sexa estranxeiro como natural do país.
20
Non habedes comer nada levedado, en todas as vosas casas comeredes pan sen lévedo.
21
Logo convocou Moisés a tódolos anciáns de Israel, e díxolles: escollede un cordeiro e tomádeo para as vosas familias, e sacrificade a Pascua.
22
E tomade un monllo de hisopo e molládeo no sangue que estará nun caldeiro, e untade o lintel e os dous postes co sangue que estará no caldeiro, e ningún de vós sairá da porta de casa ata a mañá.
23
Porque IaVeH pasará a golpear aos exipcios e cando vexa o sangue no lintel e nos dous postes, pasará IaVeH sobre a porta, e non deixará ao destructor entrar nas vosas casas para golpear.
24
Gardaredes isto por estatuto para vós e para os vosos fillos para sempre.
25
E cando entredes na terra que IaVeH vos dará, como prometeu, garderedes esta cerimonia.
26
E cando vos pregunten os vosos fillos: que significa este rito para vós?
27
Vós responderedes: É o sacrificio da Pascua de IaVeH, o cal pasou sobre as casas dos fillos de Israel en Exipto, cando golpeou aos exipcios, e liberou as nosas casas. Entón o pobo inclinouse e adorou.
28
E os fillos de Israel foron e fixeron como lle mandara IaVeH a Moises e a Aarón.
29
E aconteceu que a medianoite IaVeH golpeou a todo primoxénito na terra de Exipto, desde o primoxénito de Faraón que se sentaba sobre o seu trono, até o primoxénito do cautivo que estaba no cárcere, e a todo primoxénito dos animais.
30
E levantouse aquela noite Faraón, el e todos os seus servos, e tódolos exipcios. E houbo un gran lamento en Exipto, porque non había casa na que non houbera algún morto.
31
Faraón chamou a Moisés e a Aarón na noite e díxolles: levantádevos e saíde do medio do meu pobo, tanto vós como os fillos de Israel. ídevos, servide a IaVeH como dixestes.
32
Collede tamén as vosas ouvellas e as vosas vacas, como dixestes, e marchádevos, e bendicídeme tamén a min.
33
E os exipcios apremiaban ao pobo, meténdolles présa para botalos fóra, pois dicían: "imos morrer todos".
34
E levou o pobo a súa masa antes de que levedase, as súas maseiras envoltas en sabas sobre os seus ombreiros.
35
E os fillos de Israel fixeron conforme á palabra de Moisés e pedíronlle aos exipcios utensilios de prata, de ouro e roupas.
36
E IaVeH deulle graza ao pobo diante dos exipcios e déronlles canto pedían. Así despoxaron aos exipcios.
37
Partiron os fillos de Israel de Ramsés para Sucot, uns seiscentos mil homes, a pé, sen contar aos nenos.
38
Tamén subiron con eles unha gran multitude, e ovellas e vacas, e moito gando.
39
E da masa que sacaran de Exipto, coceron tortas sen lévedo, pois non levedara, porque ao botalos fóra os exipcios non puideran demorarse, nin tiveran tempo para prepararse comida.
40
O tempo que os fillos de Israel habitaron en Exipto foi de catrocentos trinta anos.
41
Pasados catrocentos trinta anos, nun mesmo día, tódalas multitudes de IaVeH saíron da terra de Exipto. Noite de vixilias é para IaVeH por telos sacado da terra de Exipto.
42
Esta noite deben gardar vixilias para IaVeH todos os fillos de Israel ao longo das súas xeracións.
43
E díxolle IaVeH a Moisés e a Aarón: esta é a ordenanza da pascua: ningún fillo de estranxeiro comerá dela,
44
mais todo escravo varón mercado con diñeiro poderá comer dela despois de que o circuncidedes.
45
Nin o estranxeiro nin o xornaleiro poderán comer dela.
46
Ha de comerse nunha mesma casa, e non sacaredes nada de carne fóra da casa, nin lle quebraredes ningún óso.
47
Toda a comunidade de Israel así o fará.
48
Se algún estranxeiro reside contigo e celebra a pascua a IaVeH, sexa circuncidado todo varón e participe entón na celebración, xa que será logo como nativo da terra, pero que ningún incircunciso coma dela.
49
A mesma lei será tanto para o nativo como para o estranxeiro que habite entre vós.
50
E tódolos fillos de Israel fixeron como lle mandara IaVeH a Moisés e a Aarón, así fixeron.
51
E naquel mesmo día IaVeH fixo saír as multitudes dos fillos de Israel da terra de Exipto.