Capítulo 14

1 Sucedeu nun día de repouso que Xesús entrou na casa dun dos gobernantes dos fariseos, para comer pan, e eles observábano de preto. 2 E alí, enfronte del, estaba un home enfermo ao que se lle inflaba o corpo. 3 E dirixíndose Xesús aos intérpretes da lei e aos fariseos, faloulles: É lexítimo curar no día de repouso, ou non? 4 Máis eles pecharon a boca. El, tomándolle a man, sanouno e deixouno libre. 5 E a eles díxolles: Quen de vós, caéndolle un fillo ou un boi nunha fochanca, no día de repouso, non lle bota a man para sacalo inmadiatamente? 6 e non puideron contradecilo. 7 Cando se decatou de que todos os convidados á cea buscaban sentarse o máis preto posible da presidencia, faloulles esta parábola: 8 Cando sexas convidado a algún banquete de vodas, non te vaias sentar na presidencia, non sexa que o que te convidou a ti, convidara a outro máis distinguido ca ti, 9 e achegándose a vós o que vos convidou, che diga: Déixalle o sitio a este; quedando ti en vergoña e sentándote nos últimos asentos. 10 Mais cando sexas convidado vai e senta no último de todo para que cando chegue o que te convidou, che diga: Amigo, ven máis para adiante; daquela serás recoñecido perante o resto dos que se sentan na mesa contigo. 11 Porque todo o que se gabe, vai ser abaixado; e o que se abaixe será gabado. 12 E dixo tamén ao que o convidara: Cando fagas unha comida ou cea, non chames aos teus amigos, nin aos teus irmáns, nin a parentes, nin aos ricos dos teus veciños, non sexa que eles tamén te conviden a ti, e velaí a túa recompensa. 13 Mellor che sería cando fagas un banquete, que chames aos pobres, mancos, coxos, cegos, 14 e serás bendecido, posto que non teñen para devolverche a invitación; pois ti serás recompensado na resurreción dos xustos. 15 Escoitando un dos que estaba sentado con El á mesa díxolle: Bendito todo o que coma pan no reino de Deus! 16 Pero El díxolle: Un home deu unha gran cea, e convidou a moitos; 17 e chegada a hora mandou a un criado a dicir aos que estaban convidados: Vinde, porque xa está todo listo. 18 Comezaron todos a poñer desculpas. O primeiro dixo: non podo, merquei un terreo e teño que ir velo. Descúlpame. 19 Outro: Merquei 5 parellas de bois e vounos probar. Descúlpame. 20 E outro máis: Acabo de casar e por iso non podo ir. 21 O criado veu de volta e contoulle todo o seu amo. Entón, anoxado o dono da casa, díxolle ao criado : Váiteme xa polas rúas e rueiros da vila e trae aos pobres, aos mancos, aos cegos e aos coxos. 22 E dixo o criado: Meu amo, xa fixen o que mandaches e aínda queda sitio. 23 E o amo dixo ao criado: Váiteme agora polos camiños e valados e dilles que é preciso que entren na miña casa para que se encha. 24 Dígovos que ningunha daquelas persoas que foron convidadas probará a miña cea. 25 No camiño acompañabaos unha gran variedade moi numerosa de persoas; e El volvéndose, díxolles: 26 Se algún ven a min e sigue tendo en primeiro lugar a seu pai ou nai, á súa muller e fillos,naos seus irmáns e irmás, a aínda ata a súa propia vida, non pode ser o meu discípulo. 27 O que non carga coa súa cruz e me segue, non lle é posible ser discípulo meu. 28 Porque, quen de vós, desexando construir unha torre, non bota contas primeiro do que lle vai custar, para ver si lle chegan os recursos dos que dispón para rematala? 29 Non vaia ser que cando xa teña postos os fundamentos, e non puidendo rematar, os que o vexan se mofen del, 30 dicindo: Mira para ahí, este empezou a construir e non foi quen de rematar a obra. 31 Ou que rei, cando se enfronta a outro en batalla, non se senta primeiro a valorar si lle chegarán 10000 homes para loitar contra os 20000 do outro rei? 32 E se non, cando aínda o ten lonxe, mándalle uns embaixadores pedindo un acordo de paz. 33 Polo tanto, se calquera de vós non renuncia a todas as súas posesións, non lle será posible ser meu discípulo. 34 Bo é o sal, pero que si o sal perde o seu sabor? con que ha ser salgado? 35 Xa non vale nin para a terra, nin para a esterqueira; haino que tirar. Quen teña oídos para oír, que oia.