1
Agora, estes son os mandamentos, os estatutos e os decretos que Iahveh, voso Deus, mandou que vos ensinara para que os cumprades na terra que ides posuír,
2
para que temas a Iahveh, teu Deus, gardando todos os seus estatutos e os seus mandamentos que Eu che ordeno a ti, e os teus fillos e os teus netos, todos os días da túa vida, para que os teus días sexan prolongados.
3
Escoita, agora, Ó Israel, ten coidado de facelo para que che vaia ben e te multipliques moito na terra na que mana leite e mel, tal e como Iahevh, o Deus dos teus pais, che prometeu.
4
Escoita, Ó Israel, Iahevh noso Deus, Iahevh, é un.
5
Amarás a Iahevh o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con toda a túa forza.
6
Estas palabras que eu che mando hoxe, estarán sobre o teu corazón.
7
Inculcarásllelas a teus fillos e falarás delas cando sentes na túa casa e cando andes polo camiño, cando te deites e cado te ergas.
8
Ataralas coma un sinal na túa man e serán por distintivos entre os teus ollos.
9
Escribiralas nos postes da túa casa e nas túas portas.
10
Cando Iahevh o teu Deus te traia á terra que xurou a teus pais Abraham, Isaac e Xacob, que che daría, con grandes e expléndidas cidades que ti non construíches,
11
e con casas cheas de bens que ti non enchiches e con pozos escavados que ti non escavaches, viñas e oliveiras que ti non plantaches, para que comas e te fartes,
12
mira ben de non te esqueceres de Iahveh que te sacou da terra de Exipto, da casa de escravitude.
13
Temerás a Iahveh teu Deus e a El adorarás e só xurarás polo seu nome.
14
Non irás tras doutros deuses, de ningún dos deuses dos pobos que vos rodean,
15
porque Iahveh o teu Deus, que está en medio de ti, é Deus Celoso, non sexa que se encenda a ira de Iahveh o teu Deus na túa contra e El te borre de sobre a superficie da terra.
16
Non tentaredes a Iahveh o voso Deus coma fixestes en Masah.
17
Gardade dilixentemente os mandamentos de Iahevh o voso Deus, e as súas testemuñas e os seus estatutos que che mandou.
18
Farás o que é xusto e bon aos ollos de Iahveh, para que che vaia ben, e para que entres e tomes posesión da boa terra que Iahveh xurou que daría a teus pais,
19
botando de diante de ti aos teus enimigos, coma dixera Iahveh.
20
Cando no futuro o teu fillo che pregunte: Que son as testemuñas, os estatutos e os decretos que Iahveh o noso Deus vos mandou?
21
Entón ti responderaslle: Nós eramos escravos de Faraón en Exipto e Iahveh sacounos de Exipto con man forte.
22
Ademais, Iahveh fixo grandes e temibles sinais e marabillas diante dos nosos ollos contra Exipto, contra Faraón e contra a súa casa,
23
e sacounos de alí para traernos e darnos a terra que El xurara que lle daría a nosos pais.
24
Así que Iahveh mandounos que gardásemos todos estes estatutos, e que temamos sempre a Iahveh o noso Deus para que nos vaia ben e para preservarnos a vida como ata hoxe.
25
E seranos contado como xustiza se gardamos todos estes mandamentos diante de Iahveh o noso Deus, tal e como El nos mandou.