1
Logo volvemos e subimos polo camiño de Basán, e Og, rei de Basán, saíunos ao encontro en Edrei con toda a súa xente para pelexar.
2
Mais Iahveh díxome: "Non teñas medo, porque Eu xa puxen na túa man a todo o seu pobo e máis a súa terra; e farás con el coma fixeches con Sehón, rei dos amorreos que vivían en Hesbón".
3
Así que Iahveh noso Deus tamén entregou nas nosas mans a Og, rei de Basán, con todo o seu pobo, e ferímolos ata non deixarmos sobreviventes.
4
Daquela conquistamos todas as súas cidades, non quedou unha que non conquistasemos, sesenta cidades, toda a rexión de Argod, reino de Og en Basán.
5
Todas estas eran cidades fortificadas con muros altos, portas e trancas, aparte de moitas poboacións sen fortificar.
6
Destruímolas totalmente, como fixemos con Sehón, rei de Hesbón, exterminando a todos os homes, mulleres e nenos de cada cidade.
7
Pero collimos por botín os animais e o despoxo das cidades.
8
Arrebatámoslles das mans a terra aos dous reis amorreos que estaban ao outro lado do Xordán, desde o val de Arnón ata o monte Hermón
9
(os sidonios chaman Sirión a Hermón e os amorreos chámanlle Senir),
10
todas as cidades da meseta, todo Galaad e todo Basán, ata Salca e Edrei, cidades do reino de Og en Basán.
11
Or, rei de Basán, era o único que quedaba dos refaítas. Velaí que a súa cama era de ferro, estaba en Rabá, cidade dos amonitas. Tiña nove cóbados de longo e catro cóbados de largo, en cóbados de home.
12
Ata entón, tomamos posesión desta terra. Entregueille aos rubenitas e gaditas desde Aroer, que está no val de Arnón, ata a metade da rexión montañosa de Galaad e as súas cidades.
13
E entregueille o resto á metade da tribo de Manasés de Galaad e todo Basán, o reino de Og, toda a rexión de Argod. (A toda a rexión de Basán chámanlle a terra dos refaítas).
14
Iair, descendente de Manasés, conquistou toda a rexión de Argod ata a fronteira dos guesutitas y maacatitas, e a Basán chamoulle co seu proprio nome Havot Iair, como se chama ata hoxe.
15
A Maquir entregueille Galaad.
16
Aos rubenitas e gaditas entregueilles desde Galaad ata o val do Arnón, sendo fronteira o medio do río e ata o regato Iaboc, a fronteira cos amonitas.
17
Tamén o Arabá con fronteira no Xordán, desde o Cineret ata o mar de Arabá, o mar Morto, e ao oriente ata o pé das pendentes do Pisga.
18
Daquela ordeneivos: Iahveh o voso Deus deuvos esta terra para posuíla. Todos vós, homes valentes, pasaredes armados por diante dos vosos irmáns israelitas.
19
Mais só as vosas mulleres, os vosos meniños e o voso gando - sei que tendes moito gando - quedarán nas cidades que vos dei,
20
ata que Iahveh, o voso Deus, dea descanso aos vosos irmáns coma fixo con vós, e eles tamén posúan a terra que Iahveh o voso Deus lles dará ao outro lado do Xordán. Entón poderá voltar cada un de vós á súa posesión, a que eu vos dei.
21
Daquela tamén lle ordenei a Xosué: Viches cos teus propios ollos todo o que Iahveh, o voso Deus, fixo con estes dous reis. Así fará Iahveh a todos os reinos polos que ides pasar.
22
Non lles teñades medo, porque Iahveh, o voso Deus, é o que pelexará por vós.
23
Eu tamén fixen súplica a Iahveh:
24
"Ó Señor*Adonai*Iahveh, Deus! Ti comezaches por amosar a túa grandeza e a túa man poderosa ao teu servo, porque, que deus hai nos ceos ou na terra que poida facer as obras ou os feitos tan poderosos coma os teus?
25
Rógoche que me permitas cruzar e ver a boa terra que está ao outro lado do Xordán, esa boa terra montañosa e o Líbano.
26
Mais Iahveh enfadouse comigo pola vosa culpa e non me escoitou, senón que me dixo: "Abonda! Xa non me volvas a falar disto".
27
Sube ao cumio do monte Pisga e levanta a vista cara ao occidente, o Norte, o Sur e o Oriente e mira cos teus propios ollos, pois ti non cruzarás o Xordán.
28
Mais dalle a Xosué as ordes, anímao e infúndelle fortaleza, porque el pasará á fronte deste pobo e el daralles por herdanza a terra que ti verás.
29
Así que quedamos no val frente a Bet Peor.