1
Despois volvímonos e saímos cara o deserto polo camiño do mar Vermello como Iahveh mo mandara, e por moitos días demos voltas ao monte Seir.
2
Iahveh faloume así:
3
"Destes voltas ao redor deste monte. Volvede agora cara o norte.
4
Dálle orde ao pobo dicindo: "Ides pasar polas terras dos vosos irmáns, os fillos de Esaú que viven en Seir, e eles teranvos medo. Así que ide con moito tino.
5
Non os provoquedes porque non vos darei nada da súa terra nin sequera a pegada dun pé porque a Esaú deille o monte Seir por herdanza.
6
Mercarédeslle con diñeiro os alimentos e tamén con diñeiro compraredes a auga.
7
Porque Iahveh o teu Deus bendiciuvos en todo o que fixeches. El coñeceu o teu peregrinar a través deste enorme deserto. Durante estes cuarenta anos Iahveh o teu Deus estivo contigo e non che faltou nada."
8
E pasamos de longo dos nosos irmáns, os fillos de Esaú que viven en Seir, deixando o camiño do Arabá lonxe de Elat e de Esión Guéber. Volvimos e pasamos polo camiño do deserto de Moab.
9
E díxome Iahveh: "Non ataques a Moab, nin o provoques á guerra, porque no che darei nada por herdanza, xa que lle dei Ar aos fillos de Lot por posesión".
10
Noutro tempo vivían os emitas, pobo tan grande, numeroso e tan alto coma os anaceos.
11
E coma os anaceos, eles tamén son considerados refaítas, mais os moabitas chámanlles emitas.
12
Antes viviron os horitas en Seir, mais os fillos de Esaú os expulsaron ; e botáronos de diante de si, e establecéronse no lugar deles, como fixo Israel na terra que Iahveh lles deu por herdanza.
13
"Erguédevos agora, e atravesade o regato de Zered". E pasamos o regato de Zered.
14
Trinta e oito anos foi o tempo que nos levou chegar de Cades Barnea ata que atravesamos o regato de Zered, ata que desapareceu toda a xeración de guerreiros do medio do campamento, como Iahveh llelo xurara.
15
Ademais a man de Iahveh estivo na contra deles para destruílos do medio do campamento, ata que desapareceron completamente.
16
Cando todos os homes de guerra desapareceran de entre o pobo por iren morrendo,
17
Iahevh faloume:
18
"Hoxe irás á fronteira de Moab por Ar.
19
E cando chegues onda os amonitas, non os molestes nin os provoques, porque non che darei por herdanza nada do territorio dos fillos de Amón, xa que é a herdanza dos fillos de Lot."
20
Esta rexión é tamén coñecida como a terra dos refaítas
(N.doT. en hebreo refaim, xigante)
, xa que noutros tempos viviron nela xigantes, aos que os amonitas chaman zamzumitas,
21
un povo grande, numeroso e alto de estatura coma os anaquitas pero que Iahveh destruíu diante deles, os que os desposuíron, e fíxoselles habitar no seu lugar,
22
tal e como fixo cos fillos de Esaú que viven en Seir cando destruíu aos horeos diante deles, e os desposuíron e se estableceron naquel lugar ata hoxe.
23
Os avitas que vivían en aldeas ata Gaza, os caftoreos
(filisteos)
que sairan de Caftor
(Creta)
, destruíronos para se estableceren no seu lugar.
24
Erguédevos, poñedevos en marcha e pasade polo val do Arnón. Mira que che entrego na túa man a Sehón, o amorreo, rey de Hesbón, e a súa terra. Comeza a tomar posesión dela e entra en batalla con el.
25
Hoxe comezarei a difundir arrepío e terror ante os pobos que hai debaixo dos ceos, quen ao escoitar da túa sona, tremerán e se agoniarán pola túa presenza.
26
Entón eu desde o deserto de Cademot enviei mensaxeiros a Sehón, rei de Hesbón con mensaxe de paz, dicíndolle:
27
"Déixame pasar pola túa terra, só irei polo camiño sen virar a dereita ou a esquerda".
28
Venderasme alimentos para que poida comer e venderasme auga para que poida beber, déixame só pasar polo camiño
29
tal e como fixeron os fillos de Esaú quee viven en Seir e os moabitas que habitan en Ar ata que cruce o Xordán para a terra que Iahveh noso Deus nos dá".
30
Pero Sehón, rei de Hesbón, non nos quixo deixar pasar pola súa terra porque Iahveh teu Deus volveu duro o seu espírito e fixo o seu corazón obstinado para entregalos nas túas mans tal e como están hoxe.
31
E díxome Iahevh: "Mira, comecei a entregar a Sehón e a súa terra nas túas mans. Comeza a conquistar a súa terra para que a posúas."
32
Entón Sehón saíu con todo o seu pobo para encontrarnos na batalla de Jahaza.
33
E Iahveh o noso Deus nolo entregou, a el, aos seus fillos e a todo o seu pobo.
34
E naquel momento tomamos todas as súas cidades e exterminamos a homes, a mulleres e a nenos de cada cidade, sen deixarmos ningún sobrevivinte.
35
Só tomamos como botín os animais e o espolio das cidades que conquistaramos.
36
Desde Aroer, que está na beira do val do Arnón, e desde a cidade que está no val, ata Gallad, houbo cidades que se nos resistiron. Iahevh noso Deus entregounolas todas.
37
Soamente non te achegaches á terra dos fillos de Amón, ao longo do río Iaboc, nin ás cidades do monte, todo canto Iahveh noso Deus prohibira.