Capítulo 15

1 Ao cabo de sete anos farás remisión. 2 E a remisión será desta maneira: todo acredor perdoará o que lle teña emprestado ao seu próximo; non llo esixirá ao seu próximo ou a seu irmán, porque a remisión de Iahveh foi proclamada. 3 Demandaralo do estranxeiro mais perdoarás todo canto teña de teu o teu irmán. 4 A finde que non haxa algún necesitado entre vós, porque Iahveh ha de te bendicir abundantemente na terra que Iahveh o teu Deus che dá en herndanza para posuíla, 5 con tal que escoites atentamente a voz de Iahveh o teu Deus, tendo conta de cumprir todo este mandamento que che ordeno hoxe. 6 Pois Iahveh o teu Deus bendicirate como prometeu, e emprestaráslle ti a moitas nacións pero ti non tomarás emprestado; dominarás a moitas nacións pero a ti non ten dominarán. 7 Cando haxa un necesitado entre os teus irmáns, en calquera das túas cidades, na terra que Iahveh o teu Deus che dá, non endurecerás o teu corazón, nin pecharás a túa man para co teu irmán necesitado, 8 senón que abrirás a túa man con liberalmente e prestaraslle con xenerosidade o suficiente para a súa necesidade. 9 Cóidate de non pensares malamente no teu corazón, dicindo: "Xa logo chega o sétimo ano, o ano da remisión está preto", e mires de mala maneira a teu irmán necesitado e non lle deas nada, e clame contra ti a Iahveh, e sexa pecado en ti. 10 Daraslle con xenerosidade, e non serás mesquiño no teu corazón cando lle deas, pois por isto Iahveh bendicirate en todo o que fagas e en todo o que poñas a túa man. 11 Porque nunca faltarán necesitados na terra; daquela Eu che ordeno, dicindo: "Abrirás a túa man xenerosamente a teu irmán, aos necesitados e pobres da túa terra. 12 Se che é vendido un dos teus irmáns, hebreo ou hebrea, servirate por seis anos, pero ao sétimo ano deberás deixalo ir libre do teu carón. 13 E cando o deixes marcha libre do teu caron, non o mandarás coas mans baldeiras, 14 senón que o abastecerás xenerosamente do teu rabaño, da túa eira e do teu lagar: daraslle daquilo que Iahveh che teña bendicido. 15 E lembrarás que fuches escravo na terra de Exipto, e que Iahveh o teu Deus te rescatou. Por iso é que che ordeno isto hoxe. 16 Pero se sucede que polo que te ama a ti e á túa casa, e lle vai ben contigo, e che di: "non marcho do teu carón", 17 daquela collerás o punzón e perforaraslle a orella contra a porta, e será o teu servo para sempre. E faraslle igual á túa serva. 18 Que non che custe deixalo ir ir libre, porque por seis anos te serviu pola metade do prezo dun xornaleiro; e Iahveh o teu Deus bendicirate en todo o que fagas. 19 Todo primoxénito macho que naza no teu gando e no teu rabaño apartaralo para Iahveh o teu Deus; non traballarás co primoxénito do teu gando, nin tosquirás o primoxénito do teu rabaño. 20 Comeralos na presenza de Iahveh o teu Deus, de ano en ano, ti e a túa casa, no lugar que Iahveh teña escollido. 21 E se hai algún defecto nel, coxo ou cego, o calquera outro defecto grave, non o sacrificarás a Iahveh o teu Deus. 22 Comeralo dentro das túas cidades; e poderán comer del tanto o impuro coma o limpo, mesmo que se fose unha gacela ou un cervo. 23 Soamente non comerás o seu sangue; verteralo sobre a terra como as augas.