Capítulo 16

1 Garda o mes de Abib e celebra a Pascua a Iahveh o teu Deus, porque foi no mes de Abib que Iahveh o teu Deus te sacou de Exipto. 2 Sacrificarás a Pascua a Iahveh o teu Deus do teu rabaño e do teu gando, no lugar que Iahveh escolla para que habite alí o seu nome. 3 Non comerás con ela nada con fermento; por sete días comerás con ela pans ácimos, pan de aflición, para que lembres o día que saíches da terra de Exipto, pois foi ás présas que saíches de Exipto. 4 Por sete días non se verá fermento en todos os confíns do teu territorio; e da carne que sacrifiques na tarde do primeiro día, non quedará nada para a mañá seguinte. 5 Non poderás sacrificar a Pascua en calquera das cidades que Iahevh o teu Deus che dá, 6 senón que no lugar que Iahevh o teu Deus escolla para facer habitar o seu nome, será que sacrificarás a Pascua á tardiña, cando se poña o sol, á hora que saíches de Exipto. 7 E hala asar e comer no lugar que Iahveh o teu Deus escolla. Logo, á mañá, marcharás para a túa tenda. 8 Comerás pans ácimos por seis días, e no sétimo día haberá unha asemblea solemne para Iahveh o teu Deus. Non farás traballo ningún. 9 Levarás conta de sete semanas comezando a contar as sete semanas dende o momento que metes a fouce na colleita. 10 Daquela celebrarás a solemnidade as Semanas en honor a Iahveh o teu Deus. Darás unha ofrenda voluntaria segundo te teña bendicido Iahveh o teu Deus. 11 E alegraraste na presenza de Iahveh o teu Deus, ti, teu fillo, túa filla, teu servo, túa serva, o levita que vive nas túas cidades, e o estranxeiro, o orfo e a viúva que están no medio de ti, no lugar onde Iahveh o teu Deus escolla para facer que habite alí o seu nome. 12 Lembra que fuches escravo en Exipto; polo tanto gardarás e cumprirás estes estatutos. 13 Por sete días celebrarás a festa dos Tabernáculos, cando teñas recollida a colleita da túa eira e di teu lagar. 14 E alegraraste na túa festa, ti, teu fillo, túa filla, teu servo e túa serva, o levita e o estranxeiro, o orfo e a viúva que viven nas túas cidades. 15 Sete días celebrarás para iahveh o teu Deus no lugar que Iahveh escolla, porque Iahveh o teu Deus bendecirate en todas as túas colleitas e en toda a obra das túas mans, e estarás verdadeiramente alegre. 16 Tres veces no ano presentaranse todos os teus varóns diante de Iahveh o teu Deus no lugar que El escolla: na festa dos Ácimos, na festa das Semanas e na festa dos Tabernáculos; e non virán coas mans baldeiras diante de Iahveh. 17 Cada un dará o que poida conforme á bendición que iahevh o teu Deus lle teña dado. 18 Nomearás xuíces e oficiais para todas as túas tribos en todas as cidades que Iahveh o teu deus che dá, e eles xulgarán o pobo con xusto xuízo. 19 Non torcerás a xustiza; non terás favoritismos nin recibirás suborno, porque o suborno cega os ollos do sabio e pervirte as palabras do xusto. 20 Ti seguirás a xustiza, só a xustiza, para que vivas e posúas a terra a terra que Iahveh o teu Deus che dá. 21 Non plantarás árbores para Asera, nin ningunha clase de árbore xunto ao altar que lle fagas a Iahveh o teu Deus. 22 Nin te levantarás estela, cousa que Iahveh o teu Deus aborrece.