Capítulo 13

1 Se se levanta de entre vós un profeta ou un soñador de soños, e che dá un presaxio ou un milagre, 2 mesmo que se cumpra o presaxio ou o milagre do que che falou dicindo: " Vaiamos tralos deuses alleos que non coñecestes e sirvámoslles", 3 non escoitarás as palabras dese profeta ou dese soñador de soños ; porque Iahveh o voso Deus estavos a probar para saber se amades a Iahveh o voso Deus con todo o voso corazón e on toda a vosa alma. 4 Vós camiñaredes detrás de Iahevh o voso Deus, e temerédeslle; gardaredes os seus mandamentos, escoitaredes a súa voz, e servirédeslle a El e a El vos uniredes. E 5 daráselle morte a ese profeta ou soñador de soños pois aconsellou rebelión (apostasía) contra Iahveh o voso Deus, que te sacou da terra de Exipto, e te redimiu da casa de servidume, para te extraviar do camiño polo que Iahveh o teu Deus te mandara camiñar. Así tirarás o mal que hai dentro de ti. 6 Se teu irmán, o fillo da túa nai, ou teu fillo, ou túa filla, ou a muller que amas, ou o teu mellor amigo, vén a te incitar en segredo e che di: " Vaiamos e sirvamos a outros deuses, que nin ti nin os teus antepasados coñecestes, 7 ningún dos deuses dos pobos arredor de ti, preto ou lonxe de ti, dun extremo ao outro da terra", 8 Non cederás e non o escoitarás, nin o teu ollo terá compaixón del, nin o perdoarás nin o encubrirás, 9 pola contra, certamente o matarás; a túa man será a primeira contra el para matalo, e despois a man de todo o pobo. 10 Apedraralo ata darlle morte porque tratou de levarte lonxe de Iahveh o teu Deus que te sacou da terra de Exipto, da casa de servidume. 11 Daquela todo Israel escoitará e temerá, e endexamais non volverá facer semellante maldade no medio de ti. 12 Se nalgunha das cidades que Iahveh o teu Deus che dá para vivir sentes dicir: 13 "Do medio deles saíron homes fillos do perverso(Belial) e seduciron aos habitantes da súa cidade, dicindo: Vamos e sirvamos a outros deuses, que vós non coñecestes", 14 entón procurarás e investigarás, e preguntarás con dilixencia. E se é verdade e de certo foi feita semellante abominación entre vós, 15 certamente ferirás ao fío da espada aos moradores daquela cidade e destruirás todo canto hai nela xunto con todo o seu gando, ao fío da espada. 16 Logo xuntarás todo o seu botín no medio da súa praza, e prenderaslle lume á cidade con todo o seu botín, como ofrenda para Iahveh o teu Deus, e a cidade será unha morea de ruinas para sempre. Endexamais será reconstruída. 17 Non quedará na túa man nada do anatema, para que Iahveh o teu Deus se volva do ardor da súa ira, amose misericordia, teña compaixón de ti e te multiplique, así como xurou a teus pais; 18 porque estás a escoitar a voz de Iahveh o teu Deus gardando os seus mandamentos que te mando hoxe, para facer o correcto aos ollos de Iahveh o teu Deus.