Capítulo 11

1 E amarás a Iahveh o teu Deus, e sempre gardarás o seu precepto, os seus decretos, os seus estatutos e os seus mandamentos. 2 E saberedes hoxe, non os vosos fillos, que non coñeceron nin experimentaron o castigo de Iahveh o voso Deus, a súa grandeza, a súa man forte, e o seu brazo extendido, 3 os seus sinais e as obras que fixo no medio de Exipto, a Faraón, rei de Exipto e a toda a súa terra. 4 O que lle fixo ao exército de Exipto, aos seus cabalos e aos carros; que fixo rebordar as augas do mar Vermello sobre as súas facianas cando eles vos perseguían, e Iahveh destruíunos ata este día; 5 o que fixo por vós no deserto ata a vosa chegada a este lugar. 6 O que fixo con Datán e Abiram, fillos de Eliab fillo de Rubén, como abriu a terra a súa boca e tragounos con cadansúas casas, coas súas tendas e todo ser vivente que os seguía, no medio de Israel. 7 Porque cos vosos propios ollos vistes a grande obra que fixo Iahveh. 8 Gardade, pois, todo o mandamento que Eu che ordeno hoxe, para vos enfortecer e que entredes e posuades a terra onde ides pasar para conquistala; 9 para que se alonguen os días na terra que xurou Iahveh que lles daría a vosos pais e á súa descendencia, terra que mana leite e mel. 10 Porque a terra á que entras para posuíla, non é como a terra de Exipto de onde saístes, onde botabas a túa sementeira e regabas co teu pé, coma nun horto de hortalizas, 11 senón que a terra á que pasades para posuíla é terra de montes e vales, que bebe as augas da choiva dos ceos; 12 terra da que ten coidado Iahveh o teu Deus; os ollos de Iahveh o teu Deus están sempre sobre ela, dende o comezo ata a fin de ano. 13 E acontecerá que, se obedecedes coidadosamente os meus mandamentos que Eu vos ordeno hoxe, amando a Iahveh o voso Deus, e servíndoo con todo o voso corazón e con toda a vosa alma, 14 darei á vosa terra a choiva ao seu tempo, choiva de cedo e choiva de tarde, e recollerás o teu gran, o teu mosto e o teu aceite. 15 E darei herba no teu campo para o teu gando, e comerás e saciaraste. 16 Gardádevos, que non se encha o voso corazón de fachenda e vos desviedes e sirvades a outros deuses e vos prostredes a eles, 17 porque a ira de Iahveh acenderase contra vós e pechará os ceos, e non haberá choiva, e o agro non dará o seu froito, e axiña pereceredes na boa terra que Iahveh vos dá. 18 Así pois, poñeredes estas palabras miñas no voso corazón e na vosa alma, e atarédelas coma sinal sobre a vosa man e coma a fronte entre os vosos ollos. 19 Apréndellelas os vosos fillos, falando delas, ben na casa ou ben por fóra, ao deitarte e ao erguerte. 20 Escribiralas nos marcos da túa casa e nas túas portas, 21 para que se multipliquen os vosos días mailos dos vosos fillos na terra que Iahveh xurou dar aos vosos pais tantos días como haxa ceos sobre a terra. 22 Porque se gardades coidadosamente o mandamento que vos ordeno cumprir, amando a Iahveh o voso Deus, para andar nos seus camiños e aferrándovos a El, 23 entón Iahveh expulsará a todas estas nacións de diante de vós, e desposuiredes a nacións máis grandes e máis poderosas ca vós. 24 Todo lugar que pise a planta dos vosos pés será voso. Dende o deserto e o Líbano, e dende o río, o río Éufrates ata o mar occidental, serán as vosas fronteiras. 25 Ninguén poderá resistir diante de vós. Iahveh o voso Deus poñerá temor e pánico de vós sobre a face de toda a terra que pisedes, así como volo dixo. 26 Mirade! Eu poño hoxe diante de vós a bendición e a maldición: 27 a bendición, se escoitades os mandamentos de Iahveh o voso Deus que eu hoxe vos ordeno. 28 E a maldición, se non escoitades os mandamentos de Iahveh o voso Deus, afastados do camiño que eu hoxe vos ordeno e encamiñados tras deuses alleos que non coñecestes. 29 E acontecerá que, cando Iahveh o teu Deus te traia á terra que entras para posuíla, poñerás a bendición sobre o monte Gerizim(Garizim) e a maldición sobre o monte Ebal. 30 Non están eles alén do Xordán, no poñente, na terra do cananeo que habita no Arabah fronte a Gilgal (Guilgal), xunto o aciñeiral de Moreh? 31 Certamente estades vós por pasar o Xordán coa fin de conquistar a terra que Iahveh o voso Deus vos dá; tomaredes posesión dela e habitarédela, 32 e teredes coidado de cumprir todos os estatutos e decretos que eu poño hoxe diante de vós.