Capítulo 10

1 Daquela díxome Iahveh: "Lábrate dúas táboas de pedra como as primeiras, e sube a xunto de min ao monte, e faite tamén unha arca de madeira. 2 E Eu escribirei sobre as táboas as palabras que estaban sobre as primeiras táboas que ti rompiches, e halas poñer na arca". 3 Entón fixen unha arca de madeira de acacia e labrei dúas táboas de pedra como as primeiras, e subín ao monte coas dúas táboas na miña man. 4 El escribiu nas táboas, conforme a primeira escritura, os dez mandamentos que Iahveh vos dixera no monte, dende o medio do lume o día da asemblea, e Iahveh entregoumas. 5 Entón volvín e baixei do monte, e puxen as táboas na arca que fixera; e alí están así como Iahveh me mandou. 6 (Despois saíron os fillos de Israel Bene-jaacán cara Mosera. E morreu Aarón alí e alí foi sepultado, e foi sacerdote no seu lugar o seu fillo Eleazar. 7 De alí marcharon cara Gudgoda; e de Gudgoda cara Iotbatah, unha terra de correntes de augas. 8 Naquel tempo apartou Iahveh a tribo de Leví para que levase a arca da alianza de Iahveh, e para que estivese diante de Iahveh, para servilo e para bendicir no seu nome ata este día. 9 Polo que, Leví non tivo porción nin herdanza cos seus irmáns; Iahveh é a súa herdanza, así como Iahveh o teu Deus lle dixera). 10 E quedei no monte como os primeiros días, corenta días e corenta noites, e escoitoume Iahveh tamén esta vez; e Iahveh non quixo destruírte. 11 Entón díxome Iahveh: "Levántate, vai diante do pobo para marchardes e para que entren e posúan a terra que xurei que lles daría a seus pais." 12 E agora, Israel, que pide de ti Iahveh o teu Deus, senón que temas a Iahveh o teu Deus, que andes en todos os seus camiños, que o ames e que sirvas a Iahveh o teu Deus con todo o teu corazón e con toda a túa alma, 13 e que gardes os mandamentos de Iahveh e os seus estatutos que eu che ordeno para o teu ben? 14 Certamente de Iahveh o teu Deus son os ceos e os ceos dos ceos, a terra e todo canto hai nela. 15 Con todo, agradouse Iahveh dos teus pais, amounos, e escolleu á súa descendencia despois deles, a vós, de entre todos os pobos, como se ve hoxe. 16 Circundade, entón, o prepucio do voso corazón e non endurezades máis a vosa cerviz. 17 Pois Iahveh o voso Deus(Elohim) é Deus de deuses e Señor de señores, o Deus grande(Ha-Gadol), o poderoso e terrible, o que non fai favoritismo nin acepta suborno. 18 É o que lle fai xustiza ao horfo e á viúva, e ama ao estranxeiro dándolle pan e vestido. 19 Amaredes o estranxeiro, pois vós fostes estranxeiros na terra de Exipto. 20 A Iahveh o teu Deus temerás; a El has servir, e a El has de te aferrar, e xurarás só polo seu nome. 21 El é a túa loanza e El é o teu Elohim*Deus, que fixo contigo estas grandezas e estas marabillas que viron os teus ollos. 22 Os teus pais descenderon de Exipto con setenta persoas, e agora Iahveh o teu Deus fíxote como as estrelas do ceo, unha multitude.