Capítulo 11

1 E cando se achegaban a Xerusalén, por Betfagé e Betania, ao pe do monte das Oliveiras, enviou a dous dos seus discípulos, 2 e díxolles: Ide á aldea enfronte, e tan pronto como entredes nela, atoparedes un burriño atado que ninguén montou ainda; desatádeo e traédeo. 3 E se alguén vos pregunta: «Por que facedes iso?», dicide: «O Señor necesítao»; pero de seguida o mandará de volta". 4 Eles foron e atoparon un burriño atado xunto á porta, na rúa, e desatárono. 5 E algúns dos que estaban alí dixéronlles: Que facedes desatando o burriño? 6 Eles respondéronlles tal como Xesús lles mandou e déronlles permiso. 7 Entón trouxeron o burriño a Xesús e botaron enriba os seus mantos, e Xesús sentou nel. 8 E moitos tenderon os seus mantos no camiño e outros pólas que cortaran dos campos. 9 Os que ían diante e os que o seguían, berraban: Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor; 10 Bendito o reino do noso pai David que chegou; Hosanna nas alturas! 11 Entrou en Xerusalén, e chegou ao templo, e despois de ollar todo ao seu derredor, saíu para Betania cos doce, sendo xa bastante tarde. 12 Ao día seguinte, cando saíron de Betania, Xesús tivo fame. 13 E vendo de lonxe unha figueira con follas, achegouse por se puidese atopar algo nela; pero cando cando estaba ao pe dela, non atopou máis que follas, porque non era tempo de figos. 14 E Xesús, falando á figueira, díxolle: Nunca xamais coma ninguén froito de ti. E os seus discípulos estaban a escoitalo. 15 Chegaron a Xerusalén; e entrando no templo comezou a botar fóra aos que vendían e compraban no templo, envorcou as mesas dos cambistas e os postos dos que vendían as pombas; 16 e non permitía que ninguén carregase cousa algunha polo templo. 17 E ensináballes, dicindo: Non está escrito: «A miña casa será chamada casa de oración para todas as nacións»? Pero vós convertéstela en cova de bandidos. 18 Os principais sacerdotes e escribas oíron isto e procuraban o xeito de matalo, pois tiñanlle medo, porque toda a multitude estaba admirada de como ensinaba. 19 E cando atardecía, adoitaban saír da cidade. 20 Ao pasaren pola mañá, viron a figueira seca dende a raíz. 21 Entón Pedro, lembrándose, díxolle: Mestre, mira, a figueira que maldixeches secouse. 22 E Xesús respondeu: Tede fe en Deus. 23 Asegúrovos que calquera que diga a este monte: «Quítate de aí e bótate no mar», sen dubidar no seu corazón, senón crendo que o que di vaise cumprir, seralle concedido. 24 Por iso dígovos que todas as cousas que pidades en oración, crede que xa as recibistes, e seranvos concedidas. 25 E cando esteades a orar, perdoade se tedes algo contra alguén, para que tamén o voso Pai que está nos ceos vos perdoe as vosas faltas. 26 Pero se vós non perdoades, tampouco o voso Pai que está nos ceos perdoará as vosas faltas. 27 Chegaron de novo a Xerusalén; e mentres Xesús andaba polo templo, achegáronselle os principais sacerdotes, escribas e os anciáns, 28 e dixéronlle: Con que autoridade fas estas cousas, ou quen che deu a autoridade para facer isto? 29 E Xesús respondeulles: Eu tamén vos farei unha pregunta; respondédema, e logo direivos con que autoridade fago estas cousas. 30 O bautismo de Xoán, era do ceo ou dos homes? Respondédeme. 31 E eles matinaban entre si, dicindo: Se dicimos: «Do ceo», El dirá: «Entón, por que non lle crestes?». 32 Mais se dicimos: «Dos homes...»? Pois tiñan medo da multitude, porque todos consideraban que Xoán verdadeiramente fora un profeta. 33 E respondendo a Xesús, dixeron: Non sabemos. E Xesús díxolles: Tampouco eu vos direi con que autoridade fago estas cousas.